Publicador de contidos

Publicador de contidos

Claves da reforma da lei de axuizamento criminal, pendente dos apoios do Goberno

Claves da reforma da lei de axuizamento criminal, pendente dos apoios do Goberno

Ten como punto central a atribución das investigacións penais aos fiscais, pero que inclúe outros cambios polémicos, como os que afectan a acusación popular ou o Estatuto do Ministerio Fiscal

O futuro do proxecto, en perigo pola falta de apoios do Goberno no Congreso

Segundo os cálculos do Executivo, entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2028, tras completar o seu trámite parlamentario

G24.gal 28/10/2025 12:32

O Goberno deu luz verde este martes ao proxecto de lei de axuizamento criminal (Loecrim), unha ambiciosa reforma que ten como punto central a atribución das investigacións penais aos fiscais, pero que inclúe outros cambios polémicos, como os que afectan a acusación popular ou o Estatuto do Ministerio Fiscal.

O ministro da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, defendeu que é "histórico", e que permitirá aumentar as garantías e eficacia do proceso.

"Homologamos desta maneira o noso proceso penal a todas as democracias da nosa contorna europea e a todas as democracias occidentais", subliñou Bolaños, que incidiu en que non se trata dunha idea "nova", senón que deriva dun pacto de Estado alcanzado no ano 2001 entre PP e PSOE, no que ambos pactaron que a instrución penal debíana levar a cabo os fiscais.

Preguntado polas críticas das asociacións de xuíces e fiscais, o ministro asegurou que estas foron oídas no proceso elaboración da lei. 

O futuro do proxecto está en perigo pola falta de apoios do Goberno no Congreso, pola falta de aval de Sumar e a ruptura de Junts.

Modernizar o proceso penal

O obxectivo do Goberno é modernizar o proceso penal, "superando o modelo decimonónico e preconstitucional". Para iso, reforma unha lei que está en vigor desde 1882, aínda que sufriu múltiples retoques desde entón. Estas son as principais claves da Loecrim que, segundo os cálculos do Executivo, entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2028, tras completar o seu trámite parlamentario.

-A investigación penal pasará a estar dirixida polo Ministerio Fiscal en lugar de estar en mans do xuíz como sucede ata o de agora. Desta maneira, o fiscal concentrarase na investigación e será un proceso autónomo sempre controlado por un xuíz de garantías.

-Finalizada esta fase, un segundo xuíz (xuíz da audiencia preliminar) será o responsable de decidir se se abre o xuízo oral. Se é así, un terceiro xuíz xulgará os feitos.

-Esta é a fórmula que utilizan a inmensa maioría dos países da Unión Europea e é o mesmo procedemento co que actúan en España, desde hai anos, a Fiscalía Europea e a de Menores.

-Créase a figura do xuíz de garantías. A súa función será a de garantir que se respectan os dereitos fundamentais das partes e tamén supervisará certos aspectos procesuais durante a investigación, como a duración desta, o secreto das actuacións ou calquera medida de investigación que supoña unha inxerencia neses dereitos.

-O xuíz de garantías será tamén o que autorice determinadas medidas cautelares, como a prisión provisional.

-Simplifícase o proceso para que sexa máis áxil e eficaz en cuestións como os recursos. Ata o de agora, os recursos contra autos do xuíz instrutor elevábanse á Audiencia Provincial. Coa nova lei, durante a investigación poderanse impugnar os decretos máis relevantes do fiscal ante o xuíz de garantías adscrito á causa.

-Refórzanse as garantías procesuais das partes, tanto da vítima como do acusado, regulando principios como o da presunción de inocencia e coa revisión cada seis meses de medidas cautelares como a detención preventiva ou a prisión provisional.

-Incorpóranse garantías incluídas no Estatuto da Vítima, como medidas para evitar a súa revitimización e para favorecer a reparación do dano sufrido, material e moral, mediante a regulación do procedemento de xustiza restaurativa, que sempre operará de maneira voluntaria.

-Incorpora a regulación de novas ferramentas na loita contra a criminalidade, con técnicas avanzadas de investigación contra o crime, como análise de marcadores de ADN, toxicoloxía, impresións dixitais, evidencias dixitais de dispositivos electrónicos, identificación biométrica remota, sistemas automatizados baseados en intelixencia artificial, etcétera.

-Ademais, esta reforma deixa fóra da acusación popular as persoas xurídicas públicas, partidos políticos, sindicatos ou asociacións dependentes deles e establece os delitos en que se pode exercer, entre eles a corrupción, os delitos contra os dereitos dos consumidores, os delitos de odio, os de violencia sobre a muller, os de financiamento ilegal de partidos, etcétera.

-Inclúe a regulación do procedemento ante o tribunal do xurado, que se introduce intacta, cunha única modificación, a exclusión da violación de morada da listaxe de delitos que poden ser xulgados por un xurado.

-Reforma o Estatuto Orgánico do Ministerio Fiscal. Limita o mandato do fiscal xeral do Estado a 5 anos, co que xa non coincidirá co do Goberno.

-Prohibe de forma expresa que o Executivo poida remitir calquera indicación ao Ministerio Fiscal sobre asuntos concretos, e prevé que as comunicacións xerais sexan públicas e queden rexistradas.

-Para impedir cesamentos discrecionais, o FXE só poderá ser cesado, en caso de incumprimento grave ou reiterado das súas funcións, previo informe do Consello Xeral do Poder Xudicial.

-Establece que o nomeamento, ascenso e sancións máis graves dependerán do FXE e non do ministro de Xustiza, como ata o de agora.

-Reforza o papel da Xunta de Fiscais de Sala, que poderá impoñer o seu criterio sobre o do FXE se conta co apoio de, polo menos, as 3/5 partes dos seus membros.

-A designación do fiscal que debe facerse cargo dunha investigación será predeterminado internamente cun sistema obxectivo, público, avalado pola Xunta de Fiscalía e no que o criterio principal será a cualificación xurídica e a especialización.

-A policía xudicial dependerá funcionalmente do Ministerio Fiscal unha vez asuma unha investigación, sempre respectando a xerarquía orgánica policial.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade