Un voluntario de Ribeira trae de Ucraína dúas familias que foxen da guerra
Unha das familias quedará no seu concello e outra en Sigüeiro
Rubén Lijó levou medicamentos e comida infantil ao paso fronteirizo de Kroscienko
Con esta furgoneta cargada con medicamentos e comida infantil, Rubén Lijó desprazouse desde Ribeira xunto cun amigo á fronteira sur entre Polonia e Ucraína.
Na viaxe de volta recolleron sete persoas que deixaran atrás o seu fogar para fuxiren da guerra. Dúas mulleres quedaron en Cracovia, onde continuaron a viaxe en avión ata Madrid.
"Fixemos antes unha sondaxe para ver se había familias dispostas a acoller, e como vimos que si, que tiñamos un listado con varias familias e ademais o concello comezara o proceso de servizos sociais para buscar aloxamento, así foi", explica Rubén Lijó.
Outras dúas familias continuaron a viaxe ata Galicia. A unha muller de Kíiv e ás súas fillas de 15 e 31 anos acolléronas en Sigüeiro. En Ribeira descansan tamén outra muller de Khárkiv e o seu fillo de 14 anos
"Estaba abandonada. Dicía: xa non podo facer máis; non temos forza, non temos cartos, non temos nada. E coa tristeza de ter o marido na guerra. Pero polo menos as súas fillas están a salvo, que era a súa maior preocupación", di Rubén.
Agora descansan en Sigüeiro. A Ribeira chegaron outra muller de Khárkiv e o seu fillo de 14 anos, acollidos temporalmente na casa parroquial. Os servizos sociais do concello vanse facer cargo de atender as súas necesidades.