Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un veleiro e unha lancha impactan contra o paseo marítimo da Illa de Arousa

Un veleiro e unha lancha impactan contra o paseo marítimo da Illa de Arousa

As dúas embarcacións estaban fondeadas no porto do Xofre

O forte vento do norte rompeulles as amarras e acabaron batendo co muro

G24.gal 05/01/2026 14:41

Varadas e desfeitas polos golpes contra o paseo do Cantiño. Así quedaron as dúas embarcacións que o vento arrastrou a terra a pasada noite na Illa de Arousa.

"A lancha era de xente da zona e estaba xa para despezar. O veleiro non, estaba ben, pero non sei de quen era".

Tanto o veleiro como a lancha de madeira estaban fondeados nos mortos do porto do Xofre. Todo apunta a que a forza do vento do norte rompeu os amarres e os deixou á deriva contra o muro de pedra. 

"A base de cemento non se move, iso pesa toneladas, pero as cadeas deterióranse co paso do tempo".

"Romperon as amarras. Facía moito vento onte pola tarde e había unha marea moi grande que os tirou ata aquí".

Aquí din que non e a primeira nin será a última vez que algo así suceda. Desde que os mariñeiros trasladaron seus barcos aos embarcadoiros ninguén supervisa o estado destes amarres, e usalos, advirten, pode ser perigoso.

"Eses amarres están esquecidos e a xente vén cos veleiros, amarra aí e non pregunta, despois veñen os sustos".

As dificultades para contactar cos propietarios e as condicións do mar frearon a retirada dos restos dos barcos, que hoxe eran o centro de todas as miradas no paseo da Illa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade