Un veleiro afúndese preto de Estaca de Bares tras interactuar con candorcas
A embarcación sufriu unha vía de auga e os dous tripulantes, que se atopan en bo estado, foron rescatados por unha motora que estaba na zona
Salvamento Marítimo
Un veleiro afundiuse este xoves a 1,3 millas de Estaca de Bares, en Mañón, tras sufrir unha vía de auga por mor dunha interacción con candorcas presentes na zona, segundo informou Salvamento Marítimo.
O barco, bautizado como 'Idem', tiña a bordo a dous tripulantes, que foron recollidos por unha embarcación motora que navegaba pola zona e, máis tarde, foron trasladados, en bo estado, ao porto de Cariño pola Salvamar Shaula, que foi mobilizada polo Centro de Coordinación de Salvamento de Fisterra.
Velero Idem, a 1,3 millas de la estaca de Bares, se ha hundido como consecuencia de una vía de agua, tras producirse una interacción con orcas.
— SALVAMENTO MARÍTIMO (@salvamentogob) July 23, 2026
Sus dos tripulantes fueron recogidos por una embarcación motora que estaba en las proximidades, y están a salvo. Posteriormente, la… pic.twitter.com/WYZugNuIim
Inspección da contorna
O departamento público concretou que o helicóptero Helimer 401 iniciou unha inspección da contorna para comprobar se o impacto do veleiro contra os cetáceos provocou algún tipo de contaminación.
Pola súa banda, a Axencia Galega de Emerxencias precisou que o 112 Galicia coñeceu o incidente pouco despois das cinco da tarde e que os propios ocupantes do veleiro alertaron da presenza das orcas preto do barco, que estaba "sen temón e, por tanto, sen capacidade de manobra".