Un veciño de Outomouro cada ano transforma a súa casa nun auténtico belén de luz e cor
A chegada do Nadal en Outomuro ten un protagonista indiscutible: Benito, un veciño da localidade que cada ano transforma a súa casa e a súa leira nun auténtico espectáculo de luz, creatividade e memoria popular. Nesta edición, máis de 6.000 luces LED iluminan o recinto, no que destaca un vistoso Papá Noel.
Na parroquia ourensá de Outomuro, en Cartelle, un Papá Noel cunha carretilla cargada de agasallos chama a atención de pequenos e grandes. É obra de Benito, veciño da localidade, un artesán, e gran apaixonado polo Nadal e polas tradicións.
Para Benito, o verdadeiro centro da decoración é o belén artesanal que fai a man, dedicando noites desde setembro a modelar e pintar as figuriñas, unhas figuriñas que engade novas cada ano.
As novidades deste ano chegan en forma de figuras de barro, que recrean xogos populares tradicionais, cunha especial presenza de nenos e nenas xogando á roda ou á billarda.
Estas pezas acompáñanse de figuras de madeira de anos anteriores, que representan oficios case desaparecidos.
Durante estas datas, moitos veciños achéganse á casa de Benito para ver o seu traballo, algo que el acolle con grande ledicia.