Un veciño de Cangas devolve un bolso con 11.400 euros
Atopouno casualmente cando esperaba o fillo e non dubidou en levalo á comisaría
Víctor Montes atopou un bolso de muller nun banco na praza do Concello de Cangas. Non o abriu e levouno directamente á Policía Local, onde comprobaron que contiña 11.400 euros. Malia que Víctor ten un contrato temporal como empregado de limpeza e a súa situación é precaria, cre no karma e en ningún momento considerou outra cousa que non fose devolvelo.
A policía avisou a propietaria do bolso, unha muller septuaxenaria que levaba alí os aforros de toda a vida. O inspector xefe da Policía Local de Cangas, Alberto Agulla, salienta o mérito do que fixo este cidadán, un exemplo para toda a cidadanía, e van trasladar un informe ao Concello para que o premien.
Víctor ten un contrato temporal no servizo da limpeza do Concello de Cangas. Os cartos non sobran, pero non dubidou en facer o que fixo. Ten a conciencia tranquila, que para el é o máis importante. El quita méritos ao sucedido, é un traballador nato que só busca estabilidade laboral. Iso é o único que lle preocupa, porque dorme coa conciencia ben tranquila.