Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un tráiler perde 15 toneladas de uva nunha rotonda de Cambados

Un tráiler perde 15 toneladas de uva nunha rotonda de Cambados

O accidente foi moi aparatoso, pero o condutor saíu ileso

Os equipos de emerxencias pasaron a noite retirando a uva e baldeando o asfalto

G24.gal 16/09/2025 14:03

O tráiler saía cargado de Cambados cara á adega Terras Gauda do Rosal, cando, por motivos que se investigan, a carga se desprazou e acabou esparexida polo asfalto da rotonda de Vilariño.

"E digo eu, como puido desestabilizarse así para que lle caera toda esa uva?", di un veciño.

"Os coches que ían detrás dixeron que o camión non ía rápido. Non sabemos ben o que pasou, Tráfico está investigando, pero tivo que ser un problema relacionado coa estiba da carga", explica Iván Marín, membro do Servizo de Emerxencias de Cambados.

Por sorte, o camión non envorcara, e o condutor saíu ileso. Pero quedaba por diante una longa noite de traballo e limpeza que obrigou a cortar a circulación parcialmente neste acceso de Cambados.

"Traballamos desde as dez e media da noite, que avisamos para que trouxeran a pa do Concello, ata as catro da madrugada. Houbo que traer as uvas e as caixas desde a rotonda ata esta marxe".

Ademais de retirar as uvas da vía, houbo que baldeala, porque estaba esvaradía e supoñía un risco, sobre todo para os motoristas.

"Si, baldeamos con auga e desengraxante por culpa do mosto. Gastamos 16.000 litros de auga para facelo".

Esta mañá o tráfico circulaba con total normalidade na zona. Pero as uvas acumuladas na marxe seguían chamando a atención de todo canto pasaba....15.000 quilos de albariño que terán que descontar da vendima deste ano.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade