Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha rúa de Lourizán anégase cada vez que chove

Unha rúa de Lourizán anégase cada vez que chove

Os residentes culpan ao mal estado das tubaxes e á falta de limpeza e mantemento, ademais lamentan que as administracións implicadas eludan responsabilidades

 

G24.gal 03/05/2026 18:40

Residentes na rúa do Santo, na parroquia pontevedresa de Lourizán, viven pendentes de se choverá ou non. Este ano levan unha ducia de inundacións. A última, o martes pasado.  Desbordáronse os sumidoiros e eso que a intensidade da precipitación disque foi de oito litros nunha hora.

"Desde decembro ata o entroido foron 11 inundacións. Esta semana choveu un pouco e volveu inundarse. Xúntanse as augas pluviais coas fecais, o cheiro e o lodo que queda aquí. E o tempo que tardan en limpar", conta Manuel Lameiro, un veciño da rúa.

Temen as consecuencias sanitarias, á parte das complicacións que teñen para saír das súas casas e mesmo cos coches cada vez que hai asolagamentos. As familias que viven desde sempre aquí afirman que nunca pasara tal cousa ata hai uns sete anos. Atribúen estes problemas a actuacións incorrectas por parte das administracións.

"Fixéronse actuacións ríos arriba, as augas derivaron a estes puntos concretos que conflúen na rúa do Santo, son canalizacións moi vellas, sen pendente, con cálculos hídricos inexistentes e ese aumento de volume de auga provoca cada vez un maior atoramento nas canalizacións  e, con calquera pluviometría normal en Galicia, sufrimos inundacións", precisa o vicepresidente da Asociación de veciños Estriceres, David Moreira.

"Uns bótanlle a pelota aos outros, que si ten que ser Adif, que se o Concello, Augas de Galicia. Aquí hai tres administracións e ningunha fai nada e os prexudicados somos nós", quéixase o veciño Manuel Lameira.

Algúns teñen presentadas reclamacións patrimonias no xulgado do contencioso-administrativo de Pontevedra  para que lles compensen polos danos que están sufrindo.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade