Extinguido o incendio que deixou un ferido nunha fábrica de produtos químicos en Forcarei
Arderon un laboratorio e un almacén sen risco ningún para os reactores e os contedores de produtos químicos
Un operario dunha planta de fabricación de produtos químicos sufriu queimaduras cando traballaba nas instalacións da empresa, situada no polígono David Raposeiras, na parroquia forcaricense de Ventoxo.
O ferido, un veciño de Ames de 30 anos de idade, foi evacuado ao Complexo Hospitalario da Coruña no helicóptero medicalizado con base en Santiago, de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Un dos alertantes que chamou ao 112 Galicia sinalou que todas as persoas conseguiran saír ao exterior e que se precisaban medios de extinción para apagar o lume orixinado.
Desde o 112 Galicia activouse un operativo en que participaron, ademais do persoal sanitario, os Bombeiros de Silleda e do Carballiño, a Garda Civil e o GES da Estrada. Tamén interviñeron medios propios da empresa e informouse ao persoal da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.
O incendio quedou completamente apagado pouco antes das sete da mañá deste martes. Arderon un laboratorio e un almacén sen risco algún para os reactores e os contedores de produtos químicos. A causa máis probable do lume puido ser a deflagración dun gas en contacto co aire na estancia en que estaba traballando o técnico ferido.