Publicador de contidos

Publicador de contidos

Deteñen un home en Pontevedra por violencia machista tras tirarse por unha ventá fuxindo da policía

Deteñen un home en Pontevedra por violencia machista tras tirarse por unha ventá fuxindo da policía

O home tiña ordes de busca e captura para ingresar en prisión e estaba quebrantando unha orde de afastamento da suposta vítima dos malos tratos

Sufriu lesións a causa da caída e foi trasladado ao hospital Montecelo

O home tirouse desde o segundo andar a un patio traseiro, pero caeu, mancouse e acabou detido
G24.gal 15/04/2026 13:44

O barrio de San Antoniño en Pontevedra foi escenario dun gran dispositivo policial o luns á tarde. Os veciños alertaran dun posible caso de violencia de xénero nunha vivenda deste inmoble. Escoitaron unha forte discusión dunha parella e chamaron a policía. Cando chegaron os axentes, a muller intentou disuadilos e negou que fora agredida.

Os axentes detectaron que o home estaba no interior da vivenda e ao intentar acceder non puideron porque colocara mobles na porta para impedir que entraran. Ao verse acurralado saltou por unha ventá que dá a un patio traseiro para intentar fuxir e evitar ser detido. Calculou mal o salto, non alcanzou a pasarela e caeu ao chan.

Os berros ao mancarse alertaron os axentes e os veciños que ata ese intre non se decataran do que estaba pasando.

O home foi arrestado e tivo que ser trasladado ao hospital de Montecelo para ser atendido das lesións que sufriu na caída.

Tiña dúas ordes de busca e captura para ingresar en prisión por causas pendentes. Fontes policiais confirmaron ademais que estaba quebrantando unha orde de afastamento da muller e suposta vítima dos malos tratos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade