Un singular palacio, á venda por 25 millóns en Portugal
Contruído en 1806 en Monção, segue o modelo do palacio de Ajuda
Franco e Salazar tiveron unha xuntanza nos anos 50 no comedor principal do edificio
Un dos palacios máis fermosos e completos de Portugal está á venda por 25 millóns de euros. O palacio da Brejoeira está situado no municipio de Monção, a escasa distacia da fronteira con Galicia, concretamente a 5 quilómetros de Salvaterra de Miño.
Para os veciños de Salvaterra o palacio non é un descoñecido, pero si o é para o resto de galegos. Moito ten que ver con que só leve 10 anos aberto ao público e que haxa que ir a propósito ata esa zona de Monção.
Non ten nada que envexar ao resto de palacios portugueses. A construción, de 1806, está feita seguindo o estilo do Palacio Nacional de Ajuda e conta cunha capela anexa, un pequeno teatro que aínda conserva atrezo, único neste tipo de palacio. Tamén ten adega porque os propietarios actuais producen alí mesmo viño albariño.
Pero ademais, conta cunha estancia con gran valor histórico. No comedor do edificio os ditadores Salazar e Franco escolleron a situación deste palacio para ter unha xuntanza entre países irmáns. Sucedeu o 27 de setembro de 1950.
A última propietaria do palacio non tivo descendencia e repartiu a propiedade entre varios beneficiarios que agora, en sociedade, poñen á venda por 25 millóns de euros esta xoia arquitectónica. O futuro comprador poida que non manteña o palacio aberto ás visitas, así que aproveiten non sexa que queden sen poder ver o palacio dos 25 millóns.