Unha vila do norte de Italia recruta xubilados para vixiar as obras públicas
En Villasanta, na Lombardía, fichan xubilados con formación na construción para vixiar obras e alertar de danos que precisen reparación
Os xubilados que usman nas obras teñen ata nome en Italia. Chámanlles umarelli, e unha vila da Lombardía está recrutándoos para que fagan ese labor de maneira oficial.
No Concello de Villasanta seleccionan aqueles con formación universitaria ou técnica para que informen sobre o estado de rúas, parques e infraestruturas, detecten incidencias e colaboren na mellora da seguridade e eficiencia dos proxectos.
Cidades como Cremona estudan replicar esta iniciativa, e xa hai precedentes: Riccione destinou en 2015 uns 11.000 euros para contratar xubilados que contaban camións e vixiaban as obras. Os involucrados destacan que lles dá utilidade e un propósito social.