O segundo día de reserva das viaxes do Imserso deixa ringleiras máis longas
Algúns solicitantes agardaban ás portas das axencias desde horas antes da apertura
Boa parte das opcións esgotáronse á media hora de saíren á venda
No segundo día de reservas do Imserso houbo moitos madrugadores. Por unha banda, os traballadores das axencias, afanados en pechar o maior número posible de reservas en liña antes de abriren as portas ao público e, fóra, os aspirantes, agardando na rúa.
"Madrugando. Estamos esperando, a ver se conseguimos algo". "Dúas horas e algo, ou tres horas. Porque toda esta xente está diante de min". "E ao mellor para chegar alí e non ter xa nada", comentan varias persoas ás portas dunha axencia no barrio ourensán do Couto.
A Galicia correspóndenlle 65.000 prazas en total, para 250.000 persoas acreditadas, catro por praza. Os que xa probaron, queren repetir.
"Sempre te relacionas. Danche todo feito, fanche a comida, e ti podes ir de paseo e a bailar a conga pola noite!". "A Benidorm ou a Canarias, pero véxoo difícil", comentan dúas mulleres noutra axencia.
Por fin abren as portas. É a hora de comprobar se houbo sorte.
"Non podemos bailar! Hai que ir á Chavasqueira. Non hai prazas". "Que non hai nada, nada, nin esperar nin nada", lamentan as mulleres anteriores.
Coma cada ano, os destinos de costa foron os primeiros en esgotarse.
"En Benidorm ás 9:15 non quedaba nin unha praza. De turismo cultural aínda hai algo, pero ás 9:30 xa non quedaba case nada", afirmaba Carlos Puga, axente de viaxes.
Os prezos son o principal reclamo. Desde 133 euros as escapadas máis económicas a 565 as máis caras, ás Canarias en temporada alta. Tamén hai unha tarifa reducida de cincuenta euros para as rendas máis baixas.