Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un peregrino paga por carta un almorzo vinte días despois de marchar sen pagar

Un peregrino paga por carta un almorzo vinte días despois de marchar sen pagar

Envía 3,50 euros polo almorzo e 1,50 de propina e descúlpase 

A carta ten remite de Benidorm e os donos de Arca Gourmet non o coñecen

Carta enviada polo peregrino de Benidorm a un bar do Pino
G24.gal 13/12/2021 13:19

"O pasado martes 23 de novembro estiven no voso establecemento almorzando e por descoido marchei sen pagar. Síntoo, que vergoña. Aquí mando 5 euros, 3,50 do almorzo e 1,50 de propina".

É a carta dun arrepentido peregrino que, desde Benidorm, pagou a súa débeda, suponse, despois de facer acto de contrición e darse conta da pequena falcatruada que fixera.

No establecemento do Pino, Arca Gourmet, levaron unha grata sorpresa cando no medio do correo ordinario atoparon a misiva con cinco euros. Era dun peregrino arrepentido que mandaba a cantidade de 3,50 euros polo almorzo e a propina de 1,50. É un pequeno xesto que aquí din fai grande o Camiño de Santiago.

"Queremos agradecerlle a esta persoa o detalle que tivo de escribir e de mandar os cartos, non xa só polos cartos senón polo detalle que tivo coa xente que traballa aquí, porque cada cousa que fan fana con agarimo e para que a xente marche contenta. E por iso queremos agradecerlle o detalle que tivo", di Mariano Aponte, dono de Arca Gourmet.

"Soprendeume todo, un sobre pequeno, dunha cidade estraña onde non coñezo a ninguén, e abrín. Xa me sorprenderon os cartos e despois comecei a ler e sorprendeume gratamente o que lía" di Lourdes Céspedes, dona de Arca Gourmet.

Os donos do local non coñecen o peregrino, pero si que aprecian o seu xesto máis aló dos cartos, polo recoñecemento que fai do seu traballo. Queren poñerse en contacto con el para felicitarlle as festas, agradecerlle o seu xesto e invitalo a que volva polo local. Queren poñer cara a esas letras.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade