Un paseo pola arte urbana de Lugo contou coa presenza dos autores dos murais
Co gallo do décimo aniversario da súa actividade, o guía Guido Álvarez Parga organizou unha ruta especial cunha decena de artistas
Cuns 500 murais clasificados, Lugo figura entre as cidades con máis exemplos de arte urbana en todo o mundo. A creación artística nas rúas converteuse, por tanto, nun importante activo turístico, como dan conta os paseos guiados polas obras. Neles adoitan participar arredor de medio cento de asistentes, con xente tanto foránea como da propia urbe.
"Penso que estes paseos están moi ben para coñecer máis sobre o que é a arte urbana", sinala o artista e creativo Pablo Lage, artífice do proxecto Van-Kraft.
Co gallo do décimo aniversario da súa actividade, o guía Guido Álvarez Parga organizou un paseo especial polo Lugo menos coñecido a través da arte nas rúas. A ruta, de tres horas de duración, contou coa presenza e coas explicacións dun nutrido grupo de artistas lucenses, como Rubén Paz ou Manu Pallín, o creador da Copora.
"Este tipo de iniciativas que se están dando en Lugo, neste caso da man de Guido, considero que están moi ben, porque ao final están acercando o público a esta arte urbana que nós estamos facendo. Que a xente poida entender e ver os artistas que a fan", afirma o artista, tamén coñecido como Yoe33.
"A través das redes sociais si que nos dan 'feedback'. A xente opina sobre os murais e tal, pero estar coa xente ao vivo e poder transmitirlle o que ti queres no momento pois está moi ben. É algo que nos encanta", engade Rubén Paz.
"Dentro das miñas actividades nunca se xuntaron tantos artistas. Vai haber unha decena de artistas urbanos de Lugo, e xa sabedes que estamos nun momento moi doce en canto ao número de artistas e en canto a premios internacionais", subliña Guido Álvarez Parga, máis coñecido como Guido Guía.
O público asistente tamén tivo ocasión de ver un artista urbano traballar ao vivo. Tratábase dunha encarga particular ao muralista Marcos Pereira, do colectivo Concepto Circo.
"Que mellor que estar in situ pintando e interactuar coa xente, que che pregunta e que ten inquietudes. Compartes un pouco a túa experiencia con eles e é xenial para todos", conclúe Marcos Pereira.

A iniciativa xerou o interese de artistas doutras disciplinas, como a pintora Noa Persán ou o escultor Xoán Vila, que tamén se sumaron a esta ruta guiada pola rúas dunha cidade que desborda arte.