Un paciente agride un médico de urxencias do hospital de Cee
O agresor deulle ao doutor unha puñada nun ollo e insultouno
Na Coruña un mozo foi detido por agresión a persoal sanitario nun centro de saúde

Un mozo agrediu propinándolle unha puñada no ollo a un médico de Urxencias do Hospital Virxe da Xunqueira, no municipio de Cee, a quen insultou de forma reiterada e lanzado acusacións racistas.
Os feitos producíronse na tarde do venres, cando un paciente de urxencias chegou á consulta médica, acompañado pola súa nai, insultando ao persoal polo tempo de espera. Segundo o centro, ao pasar o filtro de consulta foi catalogado como leve, polo que pasaron antes outros pacientes.
Cando lle explicaron que había cousas máis urxentes, o mozo ameazou con marchar, mentres expresaba insultos con carácter racista ao doutor, de orixe latinoamericana. En concreto, díxolle ao médico: "Só vides aquí roubar", entre outras cousas. No momento en que parecía que se ía, deuse a volta e propinoulle unha puñada no ollo ao facultativo, causándolle un hematoma.
Os sanitarios de Urxencias deron o aviso ao persoal de seguridade e á Garda Civil, que se presentaron no lugar dos feitos. Finalmente, o agresor abandonou as instalacións entre insultos cara ao resto do persoal.
O médico, pola súa banda, denunciouno ante a Garda Civil.
Agresión nun centro de saúde da Coruña
Un mozo foi detido na Coruña por agresión a persoal sanitario dun centro de saúde de San José, na cidade herculina, segundo informaron fontes da Policía Nacional. Os feitos producíronse sobre a unha da tarde e a detención produciuse no exterior do centro médico, sendo trasladado a dependencias policiais.
Desde a área sanitaria da Coruña e Cee, incidiron en que se están tomando as medidas xudiciais oportunas e indicaron que se aplicaron os protocolos para ese efecto. Tamén condenaron "calquera tipo de violencia".