Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un novo roubo nunha tenda na Coruña aumenta a preocupación dos comerciantes e veciños

Un novo roubo nunha tenda na Coruña aumenta a preocupación dos comerciantes e veciños

O ladrón entrou por un buraco que el mesmo fixo cun martelo na vidreira dunha tenda de comestibles

A veciñanza pide aumentar a vixilancia pois nos últimos meses os furtos na zona da rúa Alcalde Marchesi son frecuentes

G24.gal 22/06/2022 14:29

Un novo roubo nunha tenda da contorna da rúa Alcalde Marchesi na Coruña aumenta a preocupación dos comerciantes e da veciñanza, que levan meses solicitando maior seguridade na zona. Desta volta o autor do roubo empregou un martelo para acceder ao local e levar a caixa rexistradora.

Por un pequeno buraco de pouco máis de 50 centímetros e de madrugada accedeu o ladrón á tenda de comestibles na avenida de Oza. En cuestión duns minutos foi quen de romper o cristal cun martelo.

"Foi bastante rápido. É un cristal bastante groso e non sei canto tempo estivo aí, amais foi co martelo, pero non máis de dez minutos", explica Carla Rey, dependenta da tenda.

Foi o encargado da tenda quen descubriu o sucedido grazas ás imaxes gravadas pola cámara de vixilancia.

"O mozo entrou e foi ata a caixa primeiro e colleu o caixón que gardou nunha bolsa. Logo parou a coller unha botella de viño e foise polo mesmo buraco" indica a dependenta.

Este non é o primeiro roubo que sofre esta tenda, pois xa son catro nos seis meses que leva aberto o establecemento. Os furtos na zona están aumentando nos últimos meses, un feito que preocupa a comerciantes. Indica Lali Fuentes propietaria dunha tenda de comestibles da zona, vítima tamén dos ladróns, "hai uns meses un mozo entrou na tenda colleu dúas garrafas de aceite e marchou correndo, e xa foron dúas veces. Por si atamos as garrafas cunha cadea. Chamamos á policía que nos dixeron que viñan e aínda estamos agardando". 

E como non, aos veciños que din sentirse inseguros nunha zona que antes era moi tranquila. A veciñanza pide que aumente a presenza de axentes policiais como medida disuasoria para os delincuentes pois os altercados e roubos a plena luz do día son cada vez máis habituais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade