Un neurocientífico galego en Nova York corrobora os riscos de ler en penumbra
Enfocar de cerca con pouca luz forza a retina e o ollos desenvolven miopía como resposta a esa privación
Calcúlase que en 2030, dentro de catro anos, o 30 por cento dos nenos serán miopes
O último descubrimento científico corrobora que, ademais da xenética e do abuso de pantallas, hai outro hábito que está facendo medrar a incidencia de miopía: o hábito de mirar moito de cerca e, sobre todo, de facelo en penumbra.
Unha situación de privación de luz con enfoque a corta distancia incrementa o risco de miopía, e no caso de tela xa, pode acelerar a súa progresión. O estudo do galego José Manuel Alonso, do Instituto Oftalmolóxico de Nova York, demostra que esta situación que está a forzar a retina súmase aos efectos negativos do abuso de pantallas, e pode acelerar a perda de visión xa desde a infancia.
"Xa o sabiamos, pero agora este estudo corrobora a importancia de traballar de cerca con moita luz", comentou Francisco Gómez-Ulla, o director médico do Instituto Gomez-Ulla e tamén membro da Real Academia de Medicina de Galicia.
Hai que reducir o tempo en que miramos de cerca, e nesas horas en que enfocamos a poucos centímetros dos ollos, coidarnos de non facelo en penumbra. Un consello que debe atenderse tamén no caso en que a miopía é herdada.
"En canto á miopía parental ou a xenética o que podemos facer é tentar diminuír a progresión da miopía e que ese neno o día que sexa maior teña menos dioptrías das que tería se non actuamos sobre estes hábitos de comportamento. Por iso temos que animar os pais a que axuden os nenos a que traballen ao aire libre e estean un par de horas como mínimo todos os días ao aire libre e xoguen ai aire libre", explicou Francisco Gómez-Ulla, o director médico do Instituto Gomez-Ulla e membro da Real Academia de Medicina de Galicia
Engade tamén a importancia dun diagnóstico temperán. Hai lentes e fármacos para frear a progresión.