Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un morto e tres feridos graves nun tren que descarrilou en Barcelona tras chocar contra un muro que caera na vía

Un morto e tres feridos graves nun tren que descarrilou en Barcelona tras chocar contra un muro que caera na vía

O falecido é o maquinista

Polo menos 15 persoas resultaron feridas

Adif suspende a circulación de trens en Rodalies de Cataluña dende este martes "ante os efectos" do temporal

directo Bombeiros traballan no tren accidentado en Gelida, Barcelona. EFE/Alberto Estévez. Sinal de directo ofrecida por TV3
G24.gal 20/01/2026 22:00 Última actualización 20/01/2026 23:51

Morre o maquinista dun tren con pasaxe que chocou esta noite cun muro que caeu nunha vía  da liña R4 de Rodalies, en Barcelona.

No suceso resultaron feridas polo menos 15 persoas, 3 delas de gravidade.

O accidente ocorreu nunha xornada de fortes chuvias en toda Cataluña, cando un muro de contención se desprendeu e caeu á vía entre Gelida e Sant Sadurní d'Anoia segundo informou Protección Civil da Generalitat.

Ata a zona desprazáronse ata o momento 20 ambulancias e 70 efectivos de bombeiros con 40 dotacións.

Os bombeiros estableceron unha zona de seguridade apontoando o muro de contención e o tren para estabilizalos.

Tamén tiveron que liberar unha persoa que quedara atrapada no interior do tren. 

A consecuencia do accidente púxose en alerta o plan Ferrocat.

O presidente da Generalitat, Salvador Illa, está en contacto co conselleiro da Presidencia, Albert Dalmau, coa conselleira de Saúde, Olga Pané, e coas conselleiras de Territorio, Sílvia Paneque, e Interior e Seguridade, Núria Parlon, que se desprazaron ata a zona, informaron fontes do Govern.

Pola súa banda, o delegado do Goberno en Cataluña, Carles Prieto, informou a través da súa conta de X de que se está desprazando a Gelida para seguir de primeira man a evolución do accidente, mentres segue en contacto permanente co Departamento de Interior e Renfe para coñecer a situación.

Este martes pola noite produciuse un segundo incidente ferroviario en Cataluña: un tren descarrilou pola saída dun eixo ao colidir cunha rocha caída na vía como consecuencia tamén do temporal. Este accidente rexistrouse na liña R1 de Rodalies, entre Maçanet Massanes e Tordera (Barcelona). No tren accidentado, segundo fontes de Adif, viaxaban dez pasaxeiros e non se rexistrou ningún ferido.

Adif suspende a circulación de trens en Rodalies de Cataluña dende este martes "ante os efectos" do temporal

Adif “mantén suspendida a circulación ferroviaria no ámbito de Rodalies” desde este martes pola noite ante os efectos que o temporal provoca na infraestrutura en Cataluña.

O servizo restablecerase “unha vez recoñecida a infraestrutura e comprobado que queda libre de obstáculos caídos”, informa nunha mensaxe de X recollida por Europa Press.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade