Condenado un mozo italiano a tres anos de cárcere por agredir dous peregrinos en Santiago
O mozo deberá indemnizar os afectados cun total de 17.277 euros en concepto de responsabilidade civil
Os informes periciais certifican que unha das vítimas sufriu lesións "que supuxeron un risco vital importante" para a súa vida

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, condenou a tres anos de cárcere e ao pago dunha multa de 240 euros un turista italiano por atacar dous peregrinos na madrugada do 5 de agosto de 2023 en Santiago de Compostela.
O acusado, ao que considerou autor de dous delitos de lesións, un deles leve, deberá indemnizar os afectados cun total de 17.277 euros, en concepto de responsabilidade civil, informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) nun comunicado.
O condenado acababa de saír dunha prisión italiana e tiña 19 anos cando se produciron os feitos, segundo manifestou el mesmo durante o xuízo.
Os maxistrados consideran probado na sentenza que o sospeitoso golpeou un vehículo cando cruzaba a rúa e, despois, saltou sobre o capó, esnaquizando o parabrisas. Estes actos foron presenciados por un grupo de peregrinos, quen abandonou a zona acto seguido.
Segundo consta no ditame, o investigado, aínda "moi alterado", dispúxose a seguilos pola rúa "berrando palabras en italiano" e dicindo, en español, "matar un home e unha muller".
A Sala indica que, cando o grupo parou, o procesado agrediu dous dos seus membros con violencia: a un golpeouno e propinoulle patadas na cabeza e o corpo e, á outra persoa, unha moza, lanzouna contra un escaparate.
O tribunal considera probados os feitos baseándose "nas agresións, o modo en que se produciron e os seus antecedentes", así como "nas declaracións das persoas agredidas e das testemuñas".
Os informes periciais e as aclaracións realizadas no xuízo por parte dos médicos forenses, segundo afirman os maxistrados, corroboran tamén que o peregrino agredido "sufriu lesións que supuxeron un risco vital xenérico importante para el".
En canto á concorrencia de ánimo homicida, a Sala explica que non ten a certeza de que o acusado buscase acabar coa vida dos denunciantes, pero subliña que realizou a agresión "con intención de lesionar".
A sentenza pódese recorrer ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.