Publicador de contidos

Publicador de contidos

Qatar di que interceptou con éxito un ataque de mísiles iranianos dirixido á base aérea dos EUA

Qatar di que interceptou con éxito un ataque de mísiles iranianos dirixido á base aérea dos EUA

A televisión iraniana anuncia ataques contra bases estadounidenses en Qatar e Iraq

O Goberno qatarí di que se reserva o dereito a responder "directamente e de maneira proporcional"

A Casa Branca monitorea os ataques contra a súa base aérea en Qatar

Israel intensifica a ofensiva e ataca a sede da Garda Revolucionaria en Teherán

Os restos dun mísil iraniano que impactou no norte de Israel (REUTERS / Avi Ohayon)
G24.gal 23/06/2025 19:07 Última actualización 23/06/2025 21:29

O Ministerio de Defensa de Qatar afirma que as defensas aéreas do país do golfo Pérsico "interceptaron con éxito" un ataque iraniano con mísiles dirixido contra a base aérea de Al Udeid, a máis grande dos EUA en Oriente Medio.

"O Ministerio de Defensa anunciou que as defensas aéreas de Qatar interceptaron con éxito un ataque con mísiles contra a base aérea de Al Udeid", dixo o departamento nun comunicado publicado na súa conta de X, no que engadiu que non se produciron mortos nin feridos no incidente.

Así mesmo, afirmaron que o espazo aéreo e o territorio do Estado de Qatar son seguros, e que as súas Forzas Armadas "están sempre preparadas para facer fronte a calquera ameaza", á vez que recomendou aos cidadáns e residentes que se informen do sucedido a través de fontes oficiais.

A televisión estatal iraniana anunciaba este luns ataques de Irán contra bases estadounidenses en Qatar e Iraq como represalia polos bombardeos do domingo contra tres instalacións nucleares do país persa.

As forzas armadas iranianas non tardaban en confirmar o lanzamento de mísiles contra a base estadounidense Al Udeid en Qatar, a máis grande do país en Oriente Medio.

Nun comunicado consideraron a base como "o activo máis valioso" dos EUA na rexión e indicaron que o centro fora obxecto dun ataque con mísiles. Afirmaron que o número de mísiles empregados foi equivalente aos empregados polos EUA no ataque ás instalacións nucleares.

O residente iraniano, Masoud Pezeshkian dixo que o país "non iniciou a guerra, nin a desexa", pero non deixará sen resposta ningún ataque contra a súa "integridade territorial, soberanía e seguridade nacional". 

O Consello Supremo de Seguridade Nacional iraniano confirmou que se trata dunha resposta aos ataques do domingo e asegurou que o ataque se produciu lonxe de “áreas residenciais” e que non supón un acto perigoso para Qatar, país que cualificou de "amigo".

A televisión privada qatarí Al Jazeera informou de que se escoitaron explosións e refachos de disparos sobre Doha, a capital qatarí, onde se atopa a base aérea da Al Udeid, que alberga a uns 10.000 soldados estadounidenses e serve como cuartel xeral do Comando Central dos Estados Unidos.

Pouco antes do ataque, o Ministerio de Exteriores de Catar anunciou a suspensión "temporal" do tráfico aéreo no país co obxectivo de "garantir a seguridade dos cidadáns, residentes e visitantes".

O mesmo ministerio qatarí condenou o ataque e afirmou que se reserva o dereito para "responder directamente, de forma proporcional" a esta "flagrante agresión".

"Expresamos a enérxica condena do Estado de Qatar ao ataque á base aérea de Al Udeid por parte do Corpo da Garda Revolucionaria de Irán, considerándoo unha flagrante violación da soberanía e o espazo aéreo de Qatar", dixo en X o portavoz do Ministerio de Exteriores qatarí, Majed al Ansari. O portavoz quixo destacar, ademais, que a resposta qatarí sería "de conformidade co dereito internacional".

Así mesmo, indicou que a base estadounidense fora "evacuada previamente, de acordo coas medidas de seguridade e precaución aprobadas, dadas as tensións na rexión".

"Afirmamos que a continuación destas accións militares en escalada socavará a seguridade e a estabilidade na rexión e terá consecuencias catastróficas para a paz e a seguridade internacionais. Esiximos o cesamento inmediato de todas as accións militares e un serio retorno á mesa de negociacións e ao diálogo", engadiu Al Ansari.

O portavoz lembrou que Qatar foi dos primeiros países en advertir das consecuencias da "escalada israelí" en Oriente Medio e que sempre promoveu o diálogo como "única vía para superar as crises actuais e preservar a seguridade da rexión e a paz dos seus pobos".

Estados Unidos está a monitorear os ataques sobre a base aérea en Qatar

A Casa Branca está monitoreando este luns os ataques lanzados por Irán sobre a base aérea estadounidense en Qatar, en represalia polo bombardeo da pasada fin de semana sobre instalacións chave do programa nuclear de Teherán, segundo funcionarios da oficina presidencial dos EUA citados por medios locais.

Medios estadounidenses como a canle Fox News falan dun ataque con arredor de seis proxectís, incluíndo mísiles balísticos de medio alcance e mísiles de cruceiro de curto alcance, sobre a base militar estadounidense.

A resposta iraniana chega horas despois de que a embaixada estadounidense en Qatar recomendase aos cidadáns estadounidenses residentes no país que se resgardasen nos seus fogares "ata novo aviso".

En Iraq, o exército estadounidense conta con importantes instalacións, como a base aérea de Erbil, no Kurdistán iraquí, ou a da Al Asad, na provincia de Anbar, no centro do país.

Irán prometera represalias pola operación Midnight Hammer, o bombardeo estadounidense sobre as súas instalacións de enriquecemento de uranio e produción de combustible nuclear en Isfahán, Natanz e Fordó executado a fin de semana.

Á súa vez, o Parlamento iraniano xa pediu o domingo o peche do estreito de Ormuz, paso chave para o tránsito de petróleo en Oriente Medio, aínda que a decisión final depende do Consello Supremo de Seguridade Nacional de Irán. 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade