Un mozo de Boiro acepta cinco anos de prisión por asaltar e ameazar o pai cun coitelo
Entrou roubar nunha casa en Boiro, ameazou cun coitelo a persoa que estaba dentro e mantívoa retida durante dúas horas na vivenda
Vítima e agresor son pai e fillo; e hoxe, antes da apertura do xuízo oral, chegaron a un acordo de conformidade diante do xuíz
Un home de Boiro, con nove condenas por roubo con violencia, sentou de novo diante do xuíz esta mañá por un delito que cometeu durante un permiso penitenciario.
Na audiencia preliminar do caso, o acusado aceptou os feitos que se lle imputan. Ao parecer, na noite do 23 de maio foi á casa dos pais, chamou ao timbre e cando o pai abriu a porta, ameazouno cun coitelo no pescozo. Esixiulle que lle entregara diñeiro ou drogas; obrigouno a espirse e mantívoo retido dúas horas na vivenda. Na súa fuxida, o mozo tiroulle o coitelo a un veciño e feriuno nun brazo.
A Fiscalía atribúelle delitos de roubo con violencia, detención ilegal e lesións polo que solicitaba 8 anos e cinco meses de prisión. O acordo de conformidade reduce a pena a 5 anos de cadea e unha indemnización de 1.500 euros ao pai e uns 300 ao veciño.
Tras a audiencia, o mozo, que estaba en prisión preventiva, volveu ao cárcere.