Publicador de contidos

Publicador de contidos

Trump sanciona a Corte Penal Internacional tras o Nobel da Paz a unha das súas ex-xuízas

Trump sanciona a Corte Penal Internacional tras o Nobel da Paz a unha das súas ex-xuízas

O secretario de Estado, Marco Rubio, advertiu que "acabarán coa CPI" se non cesan "as súas ameazas" aos Estados Unidos  

Rexeitamento da comunidade internacional á decisión dos EUA, agás de Israel, que eloxia a Donald Trump

A xurista surafricana Navanethem 'Navi' Pillay, Premio Nobel da Paz 2026

Sede da Corte Penal Internacional Sede da Corte Penal Internacional
G24.gal 09/10/2026 18:12

A Administración do presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, anunciou este venres sancións á Corte Penal Internacional (CPI) apenas horas despois de que se coñecese que o Premio Nobel da Paz recaera nunha das súas ex-xuízas, a surafricana Navi Pillay.

EUA considera "unha ameaza" a Corte Penal Internacional 

"Ata a data, Estados Unidos impuxo sancións a 17 persoas. Hoxe, o Departamento de Estado anuncia medidas adicionais para defender a soberanía estadounidense e neutralizar a ameaza que representa a CPI", anunciaron nun comunicado desde o Departamento de Estado dos Estados Unidos.

"Estados Unidos nunca se uniu á Corte. Non a necesitamos. E non a queremos", dixo o secretario de Estado, Marco Rubio, quen afirmou que "durante décadas, tanto republicanos como demócratas rexeitaron a idea de que a Corte Penal Internacional tivese a facultade de axuizar cidadáns estadounidenses, militares en servizo activo ou líderes políticos".

"Prohibiremos as transaccións con este tribunal ilexítimo, cortando os seus recursos e paralizando a súa capacidade para actuar na nosa contra", advertiu Rubio nunha mensaxe de vídeo publicado en redes sociais.

Rubio rexeitou "o axuizamento de cidadáns estadounidenses: militares que defenden o seu país, axentes da Patrulla Fronteiriza que protexen a nosa nación e líderes electos que garanten a nosa seguridade nacional" e asegurou que "Trump xamais permitirá que a Corte Penal Internacional procese cidadáns estadounidenses".

Os Estados Unidos acabarán coa CPI "se non cesan as súas ameazas", asegurou Marco Rubio

A pesar das sancións, Rubio defendeu que confiaba en "unha solución diplomática". Ademais, mostrou a determinación dos Estados Unidos de continuar a súa campaña para "desmantelar a CPI ladrillo a ladrillo, ata que os estadounidenses deixen de sentirse ameazados".

"A nosa mensaxe é clara: Estados Unidos e o seu pobo non están suxeitos á xurisdición da CPI", e engadiu "ou a CPI cesa as súas ameazas, ou nós acabaremos coa CPI".

A Corte Penal Internacional é un organismo independente con sede na Haia, Países Baixos, fundado en 2002 para perseguir e xulgar crimes de guerra, do que forman parte 125 países, incluídos todos os da UE e a OTAN, excepto Estados Unidos e Turquía. 

Rexeitamento da ONU e reaccións da comunidade internacional

A decisión dos Estados Unidos de sancionar á CPI espertou este venres o rexeitamento da comunidade internacional, agás de Israel.

A Unión Europea (UE), a Unión Africana (UA) e varios países como Alemaña, Francia e Reino Unido expresaron o seu firme rexeitamento ás sancións da administración estadounidense á CPI.

Eloxios de Netanyahu a Trump

Benjamin Netanyahu acusou o Comité do Nobel de "perder o seu compás moral", ao outorgar o seu "máximo galardón a unha fanática que construíu a súa carreira inventando e propagando libelos de sangue contra o único Estado xudeu".

Así mesmo, eloxiou a Trump por "tomar esta decisión crítica" de sancionar á Corte Penal Internacional (CPI).

CPI denuncia un "ataque ao Estado de dereito"

A Corte Penal Internacional rexeitou "firmemente" as sancións e advertiu de que a medida supón "un ataque ao Estado de dereito".

Pola súa banda secretario xeral da ONU, António Guterres, condenou as sancións impostas e alertou do seu impacto na capacidade do tribunal para cumprir as súas funcións, en particular nos casos remitidos polo Consello de Seguridade e os países asinantes do Estatuto de Roma.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade