Publicador de contidos
Publicador de contidos

Catro mortos e dezaseis feridos ao afundirse un restaurante nunha praia de Palma

Catro mortos e dezaseis feridos ao afundirse un restaurante nunha praia de Palma

As vítimas mortais son unha traballadora española, dúas turistas alemás e outro cliente de orixe senegalesa

Os 16 feridos, nove moi graves e sete graves segundo o último balance, permanecen ingresados en varios hospitais de Mallorca

Os servizos de emerxencia atenden aos afectados (Europa Press/Isaac Buj)
G24.gal 23/05/2024 21:43 Última actualización 24/05/2024 10:39

Catro persoas faleceron e 16 quedaron feridas ao esborrallarse na Praia de Palma un restaurante. O local está situado nunha planta baixa que afundiu ata o soto.

O derrubamento produciuse ao redor das 20:30 horas nun establecemento da rúa Cartago chamado Medusa Beach Club, que estaba ocupado neses momentos por numerosos clientes e traballadores.

No lugar traballaron axentes da Policía Nacional, os bombeiros de Palma, a Policía Local e o servizo de emerxencias sanitarias 061, que mobilizou máis dunha decena de ambulancias.

As forzas de seguridade mantiveron cortada a rúa, en primeira liña de praia, para facilitar o traballo dos equipos de rescate.

O alcalde da capital balear Jaime Martínez desprazouse ata a zona para seguir desde preto a intervención dos corpos de emerxencia.

No local, segundo as testemuñas, había numerosos clientes, moitos deles turistas estranxeiros, debido a que na praia de Palma comezou xa a tempada alta turística.

Os feridos

Os 16 feridos, nove moi graves e sete graves segundo o último balance, permanecen ingresados en varios hospitais de Mallorca. No Hospital Son Llàtzer permanecen ingresadas seis persoas, ningunha delas na UCI. Son un paciente cunha crise de ansiedade, dúas con traumatismos craniais leves e tres con politraumatismos.

En Son Espases, pola súa banda, está ingresada unha muller de 26 anos con traumatismo torácico, pneumonía por aspiración e feridas faciais. Tampouco precisou ingreso en UCI. O resto de feridos están ingresados en centros hospitalarios privados. Polo momento, son catro as persoas falecidas e todo apunta a que as vítimas son clientes do local e a maioría son estranxeiros.

Os catro falecidos

As vítimas mortais son unha traballadora española, dúas turistas alemás e outro cliente de orixe senegalesa. Segundo confirmou este venres a Policía Nacional, as clientas falecidas tiñan 20 e 30 anos; o home, 44, e a empregada do establecemento, 23.

O grupo de Homicidios e a Policía Científica traballa para completar a identificación das 16 persoas feridas no sinistro. 

Esta zona costeira da capital balear, unha das maiores concentracións de oferta de aloxamento e lecer para turistas de España, atópase xa en tempada alta e é moi popular entre os turistas alemáns.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade