Unha muller morta e cinco feridos por un tiroteo nunha 'rave' en Suíza
As forzas de seguridade buscan o autor ou autores do tiroteo
Barállanse varias hipóteses sobre os feitos: atentado terrorista, ataque indiscriminado ou un feito delituoso
Unha muller italiana de 22 anos, residente en Suíza, faleceu e outras cinco persoas foron feridas, unha de gravidade, nun tiroteo que se produciu esta madrugada nunha festa de música electrónica na cidade de Aarau, capital do cantón de Argovia no norte de Suíza. O autor do tiroteo conseguiu fuxir do hipódromo onde se celebraba a rave despois dos feitos. Estímase que podería haber unhas 2.500 persoas no evento.
As forzas de seguridade despregaron un amplo dispositivo de vixilancia e pedíronlle á poboación que non se acheguen á zona do hipódromo e en particular a unha piscina pública próxima, mentres se desenvolve o operativo de busca do responsable do tiroteo. No lugar dos feitos atopáronse municións de dúas armas diferentes: unha pistola ou metralleta e un fusil de asalto, o que podería confirmar os testemuños de persoas que se atopaban na festa e que aseguraron ver dous atacantes. A policía tamén valora a posibilidade de que un único atacante empregase dúas armas diferentes.
As investigacións xiran ao redor de tres hipóteses de igual peso e que son as dun atentado terrorista, un ataque indiscriminado e un feito delituoso, como un axuste de contas.
Un helicóptero do Exército rastrexou a zona durante todo o día e a policía cantonal solicitoulle á cidadanía calquera gravación ou fotografía que poida facilitar a investigación para esclarecer o ocorrido.