Un millar de persoas implicaronse na organización das oposicións do Sergas
O acceso ao recinto será cun QR
Hai máis de 1.000 persoas implicadas na organización desta OPE
Preto de doce mil aspirantes están convocados esta fin de semana en Silleda para examinarse nas oposicións do Sergas. Hai varias categorías, pero a que reúne o maior número de opositores é a de enfermería. Agárdanse máis de dez mil opositores o domingo, e iso obriga a activar un operativo especial no que se vén traballando desde hai meses.
Tres pavillóns e 42 portas para máis de dez mil aspitantes a 1.556 prazas de enfermería... Son números que requiren traballo en equipo e formación dos colaboradores do Sergas para atender o control de acceso, que será cun QR.
A subdirectora xeral de Selección de Persoal do Servicio Galego de Saúde, María José Montero. explica:
"O QR que facilita? Evitar unha aglomeración no momento do chamamento, que antes se realizaba un chamamento. Ligando o QR a unha folla de respostas xa acceden ao recinto, co que agardamos que sexa máis áxil a entrada dos aspirantes".
Outra novidade afecta as embarazadas. As ingresadas seguirán facendo o exame no hospital. Pero se se poñen de parto?
"É a primeira vez que se pode facer o exame se ese día estás de parto nos quince días seguintes. Ter en conta que no Sergas máis do oitenta por cento do persoal é muller e en enfermería danse moitos casos de mulleres embarazadas", conta Ana María Comesaña, a directora xeral de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde.
Haberá unha sala de lactación, e pechouse un dispositivo especial dos corpos de seguridade e emerxencias que velarán polo proceso. Ana María Comesaña advirte que nada de tecnoloxía.
"Bolígrafo, si, e tamén podes levar auga. Vai ir calor, coa calor é normal que leves líquido. E pouco máis", engade.
E con todo listo, o importante é chegar a tempo a Silleda. Haberá controis de acceso nas estradas e autoestrada. Por iso a subdirectora xeral de Selección de Persoal recomenda "que os aspirantes veñan de xeito gradual e veñan canto antes".
A empresa Mombus porá autobuses para facilitar desprazamentos. Canda eles, tradutores, informáticos, vixilantes... En total, máis de mil persoas implicadas no proceso que arrancaba hai meses, coa convocatoria das oposicións, os temarios, a selección dos tribunais e a elaboración dos exames.