Feijóo e o PP desmárcanse de Montoro e o PSOE tacha a trama de "Kitchen fiscal"
O líder popular asegura que nos 30 anos que leva en política non nomeou "a ninguén que estea metido nun suposto de corrupción"
A secretaria de Política Económica do PSOE di que a imputación "afecta de cheo" a Feijóo porque asumiu o equipo de Montoro

O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, pediu que se investigue "ata o final" a suposta trama na que está investigado o exministro de Facenda Cristóbal Montoro, tres días despois de estalar este caso, que o PSOE cualificou de "Kitchen fiscal".
"Non pode haber dúas varas para a corrupción. Afecte a quen afecte", asegura Feijóo nunha entrevista publicada este domingo en La Voz de Galicia.
O presidente do PP tamén sinala que non vai "perseguir aos xuíces, nin aos seudomedios" e pide "que se investigue ata o final". Ademais, sacou peito para afirmar que en 30 anos en política non nomeou, nos seus postos, "a ninguén que estea metido nun suposto de corrupción".
Montoro, ministro nos gobernos de José María Aznar (1996-2004) e Mariano Rajoy (2011-2018), deuse de baixa o pasado xoves como afiliado do PP ao transcender a súa imputación e a do seu equipo acusados de suborno, fraude, prevaricación e tráfico de influencias, entre outros delitos.
PSOE: "queren privatizar ata a realización das leis"
A secretaria de Política Económica do PSOE, Enma López, acusou o PP de actuar tepedamente ante o "caso Montoro", que considera unha Kitchen fiscal, en referencia á presunta espionaxe ao extesoreiro popular Luis Bárcenas
En declaracións aos medios en Madrid, insistiu en que a imputación do exministro "afecta de cheo" a Feijóo, quen "ten no seu equipo o equipo do señor Montoro".
Para a secretaria de Política Económica socialista, este caso "pon nun espello como funciona o PP", a "patrimonialización das institucións e esa privatización absolutamente de todo", de tal xeito que "dá a sensación de que queren privatizar ata a realización das leis".
Esperanza Aguirre: "Alégrome"
A expresidenta madrileña do PP, Esperanza Aguirre, amosouse moi crítica con Montoro.
"Alégrome moito de que se investigue ao señor Montoro", afirmou.
En declaracións á RAC1, Aguirre lembrou que, catro días antes das eleccións municipais de 2015, nas que encabezaba a lista do PP ao Concello de Madrid, filtrouse a súa declaración da renda de 2013 que, ao seu xuízo, lle custou a vitoria.
"Non fun alcaldesa por un escano (...) Non sei quen filtrou a miña declaración da renda. Alguén non tiña interese en que eu fose alcaldesa", constatou.
Naquel momento, Aguirre sospeitaba que os responsables da filtración foran os socialistas, aínda que xa entón quixo pedirlle explicacións a Montoro aínda que sen éxito.
O xuíz atribúelle a Montoro un "rol nuclear"
O xuíz que investiga o caso atribúelle a Montoro un "rol nuclear" na trama de Facenda acusada de reformar leis en beneficio de empresas, a cambio de diñeiro.
Considera que era a "autoridade" que aseguraba unha "ganancia certa" ao seu despacho, Equipo Económico, "abusando" de que "entre as súas potestades lle correspondía a iniciativa lexislativa do seu ministerio".
Nun auto, que consta no sumario, ao que tivo acceso EFE, o xuíz remarca que Montoro, socio fundador, presidente e conselleiro de Equipo Económico ata abril de 2008, foi ministro de Facenda nos anos en que se tramitaron as normas que supostamente se modificaron a cambio de cartos, "exercendo as máis altas funcións e competencias decisivas na devandita tramitación".
Segundo o xuíz, Montoro nomearía entre os altos cargos do Ministerio de Facenda "a persoas estreitamente vinculadas" ao seu despacho, "o que aseguraría que a elaboración e tramitación dos textos dos anteproxectos de lei e proxecto de regulamentos se redactasen a demanda" das empresas que acudían ao bufete, "tras aceptar aquelas pagar por iso".
Más Madrid e os Comuns piden explicacións
Más Madrid rexistrou na Asemblea rexional varias preguntas para a súa resposta oral no pleno, así como peticións de información ao Goberno da presidenta madrileña Isabel Díaz Ayuso para coñecer se Madrid Network, "o chiringuito do PP" creado no 2007, pagou dous millóns de euros en contratos ao despacho de Montoro.
Anunciouno este domingo a súa portavoz no Parlamento rexional, Manuela Bergerot, nun audio remitido aos medios, no que se refire á información publicada por El País.
Segundo o diario, Madrid Network, unha asociación empresarial sen ánimo de lucro creada polo Goberno de Esperanza Aguirre no 2007, pagou entre 2008 e 2011 a cantidade de 1,8 millóns de euros a Equipo Económico.
Pola súa banda, a coordinadora nacional dos Comuns e vicepresidenta da Deputación de Barcelona, Candela López, esixiulle aos expresidentes Aznar e Rajoy e a Núñez Feijóo, que "dean a cara" e "non se volvan a esconder ante os graves casos de corrupción que afectan ao PP".
En declaracións aos medios na súa visita a Sant Vicenç dels Horts (Barcelona), considerou "inadmisible" que Montoro estivese a aplicar "recortes en servizos públicos" durante o seu mandato como ministro de Facenda, mentres "lle aforraba mil millóns de euros a grandes empresas".