Un mes de hipoteca por unha barra de pan
Sorteo mensual de 700 euros entre os clientes
A orixinal campaña de fidelización que botou a andar unha panadería de Pontevedra
"Temos hipoteca, temos e viñanos como Deus, a quen non lle vén ben", recoñece unha clienta da panadería
Librarse da hipoteca aínda que só sexa un mes pode aliviar moitas economías domésticas.
"Cada mes sorteamos unha hipoteca de 700 euros máximo. Só teñen que poñer o seu nome e teléfono e botalo nesa caixa", cóntalles unha dependenta a uns clientes
"Todo axuda, e 700 euros é xa unha cantidade importante, ou sexa, que moi ben, moi ben", apunta un señor
700 euros é a contía que unha panadería de Pontevedra vai sortear cada mes entre os seus clientes, en principio pensado para botarlles unha man coa hipoteca.
"A cota son 700 euros. Se a túa hipoteca son 900 euros, nós pagámosche ata 700. Se non tes hipoteca, dámosche 700 euros para o que ti queiras", explica Maika Santiago, encargada das tendas de Panaderías Acuña
"Para ir de viaxe, que de traballar estou cansa", continúa unha clienta
A campaña que acaba de comezar vai durar ata o mes de xaneiro, cun sorteo mensual. Moitos clientes amosaban o seu asombro.
"Eu non sabía, a verdade, seino agora"
"Paréceme moi ilusionante e unha alegría máis para vir ata aquí"
"Como cliente veño todos os días e participarei"
Importante, pedir o tícket de compra.
"Collía o pan e nunca levaba o tícket e a partir de agora vou collelo, non vaia ser o demo"
Non é a primeira vez que estes panadeiros sorprenden con iniciativas solidarias e innovadoras para premiar os seus clientes.
"Monte Porreiro era un barrio que anteriormente era moi deprimido, había moita xente obreira e necesitada, e alí, por exemplo, fíxose unha iniciativa de baixar case á metade de pan a custo. Sempre están buscando unha maneira de innovar para publicitar as tendas, para mellorar o fluxo de clientes e sobre todo para intentar axudar", comenta a responsable de tendas