O alumno do ataque múltiple nun instituto de Xerez discutira con compañeiros que o acosaban
O rapaz, de 14 anos, agrediu con dous coitelos varios profesores e estudantes
A agresión produciuse no transcurso da primeira clase do día neste instituto de Xerez. Un alumno de terceiro da ESO, armado con dous coitelos, feriu dous compañeiros e tres docentes. Unha tivo que ser intervida dunha lesión nunha pálpedra. O profesorado desaloxou o centro mentres a policía detiña o presunto agresor e comezaba a investigar o móbil deste ataque múltiple.
"Axentes da Unidade de Familia e Muller, que levan tamén os detidos por ou contra menores, xa están investigando", explica o voceiro da Policía Naconal.
Só transcendeu que o día anterior o presunto agresor tivera unha discusión forte con compañeiros que se metían con el. Nin a ANPA nin a dirección do centro sabían da existencia dun problema grave.
"Non consta que se abrira ou activara ningún tipo de protocolo de acoso", aseguraba a conselleira de Educación de Andalucía.
O suceso causou consternación na comunidade educativa e moita preocupación entre os pais.
"A verdade é que deixas o teu fillo tranquila porque cres que estas cousas nunca che van pasar", di unha nai.
"Tamén hai que pensar nos pais dese neno, que fixo o que fixo pero penso que tiña que estar moi presionado para chegar a ese punto", reflexiona outra.
O rapaz quedou á disposición da Fiscalía de Menores.
"O presunto autor dos feitos ten 14 anos e, polo tanto, é imputable pola lei de responsabilidade penal do menor", explica o voceiro da Policía Nacional.
Será sometido a unha avaliación forense para determinar se actuou con plena consciencia dos seus actos.