Recupérase no CHUAC o home acoitelado nun bar en Lugo
Evoluciona favorablemente das dúas coiteladas que recibiu nas costas
O presunto agresor foi detido no lugar dos feitos e este martes pasou á disposición xudicial
Os feitos tiveron na madrugada do luns nun establecemento hostaleiro da rúa Río Navia de Lugo. Os dous homes coincidiron no local e nun momento da noite, un deles colleu un coitelo da cociña e asestoullo ao outro, dúas veces, nas costas.
O presunto agresor, que tiña en vigor unha orde de afastamento da propietaria do local, continuou no interior, onde foi detido polos axentes. Un incidente que pasou desapercibido entre a veciñanza.
Trátase un negocio que cambia continuamente de propiedade e que funciona a deshora. "Está cerrado case sempre, ao mellor non abre ata as seis da tarde", explica un veciño; "É o do sempre, cambian, volven outros", sostén outro.
Un incidente illado na rúa, non así no barrio
A diferenza doutros locais do mesmo barrio da Milagrosa é o primeiro incidente grave que rexistra. Explican na rúa que "non adoita haber problemas, mais noutros locais por aí" que xeran queixas "espero que as autoridades o vaian corrixindo".
Incidentes vencellados a negocios que fan que a presenza policial sexa habitual.
Foron precisamente axentes da Policía Local que patrullaban pola zona os que prestaron unha primeira asistencia ao home, que abandonou o local polo seu propio pé.
Inicialmente foi tratado das lesións no Hospital Universitario Lucus Agusuti de Lugo e despois derivado ao CHUAC da Coruña, onde permanece ingresado en planta con evolución favorable.
O presunto agresor pasou esta mañá á disposición xudicial.