Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un menor entrégase como autor do apuñalamento a outro mozo na Coruña

Un menor entrégase como autor do apuñalamento a outro mozo na Coruña

O rapaz presentouse en dependencias policiais acompañado da súa familia e dun avogado para "aclarar o sucedido"

G24.gal 06/02/2023 10:19 Última actualización 06/02/2023 14:56

Un menor entregouse este luns como autor do apuñalamento a outro mozo de 18 anos esta fin de semana na Coruña, segundo informou a subdelegada do Goberno, María Rivas.

Rivas enviou palabras de "agarimo e afecto" para o agredido e a súa familia "nestes momentos complicados", tras recibir onte a alta hospitalaria despois de sufrir tres feridas "cunha navalla de pequenas dimensións".

"Segundo nos traslada a Policía Nacional, na tarde noite do sábado recíbese un aviso arredor dunha discusión, un incidente que se produce entre mozos, na praza de Recife -a coñecida como praza de San Pablo-, onde había outros menores xogando ao baloncesto", relatou.

Cando se produciu a liorta, outro grupo saíu en defensa dos menores e produciuse unha discusión e a disputa trasladouse cara á confluencia entre as rúas Médico Rodríguez e Juan Flórez, onde se produciu a agresión.

Onte pola tarde, despois de recibir a alta, o agredido prestou declaración ante a Policía Nacional.

Esta mañá, acompañado pola súa familia e o seu avogado, un menor entregouse en dependencias policiais "para poñerse á disposición da Policía e aclarar o sucedido".

En todo caso, María Rivas aclarou que "non hai bandas", senón que foi un grupo de menores "que se trasladaron a esa zona".

En canto ao posible reforzo policial na área, a subdelegada detallou que esta circunstancia será tida en conta para a planificación do traballo dos próximos días. 

O presunto agresor permanece detido na comisaría de Lonzas á espera de pasar a disposición xudicial nas próximas horas. Entrementres, os axentes continúan coa investigación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade