Un informe da ONU denuncia violencia de xénero e sexual "sistemática" contra mulleres palestinas
O documento defende que este tipo de violencia se converteu "nunha estratexia de guerra de Israel para dominar e destruír o pobo palestino".
Netanyahu responde: o informe "ataca Israel con acusacións falsas"

Desde o inicio da guerra en Gaza en outubro de 2023, Israel perpetrou distintas formas de violencia sexual e de xénero contra a poboación palestina, que nalgúns casos poden ser crimes de guerra e contra a humanidade, así como "actos xenocidas" pola súa sistemática destrución de instalacións de saúde sexual e reprodutiva, segundo denuncia un informe de Nacións Unidas.
O documento, presentado este xoves pola Comisión Internacional Independente de Investigación sobre o Territorio Palestino Ocupado (creada en 2021 polo Consello de Dereitos Humanos da ONU), documenta no medio centenar de páxinas distintas formas de abusos por parte das forzas israelís, nos que mulleres e nenas son principais vítimas.
"As evidencias recollidas revelan un terrible incremento na violencia sexual e de xénero", destacou ao presentar o informe a xurista surafricana Navi Pillay, presidenta da comisión, antiga xuíza da Corte Penal Internacional e xefa de dereitos humanos de Nacións Unidas entre 2008 e 2014.
O documento defende que este tipo de violencia se converteu "nunha estratexia de guerra de Israel para dominar e destruír o pobo palestino".
Algúns dos abusos denunciados no informe inclúen violacións a detidos, tratos humillantes en centros de detención, redadas e controis, obrigando as vítimas a espir ou a ser fotografadas e filmadas en circunstancias degradantes.
Unha das vítimas desta violencia sexual foi o médico Adnan al-Bursh, xefe do departamento de ortopedia no que fora o principal hospital de Gaza (Al Shifa), quen foi detido en decembro de 2023 durante o asedio israelí á instalación e morreu en prisión en abril do ano seguinte, tras sufrir malos tratos.
Chamamento á xustiza internacional
Estes abusos cometéronse nun clima de impunidade que, segundo Pillay, debe ser contrarrestado con investigacións nas que participen "a Corte Penal Internacional ou tribunais nacionais, xa sexa conforme lexislacións dos seus países ou exercendo a xurisdición universal".
O informe denuncia que as forzas israelís destruíron tamén de forma sistemática numerosas instalacións de saúde sexual e reprodutiva en Gaza, mentres, paralelamente, se bloqueaba a chegada de medicamentos e equipos necesarios para garantir o benestar de embarazadas, mulleres no parto ou en posparto.
En consecuencia, "mulleres e adolescentes morreron en complicacións durante o embarazo ou o parto debido ás limitacións impostas polas autoridades israelís", algo que podería ser considerado delito contra a humanidade de "exterminio", afirma o documento.
Os ataques ás infraestruturas sanitarias poderían afectar unhas 540.000 mulleres en idade reprodutiva, sinalou o informe, lembrando que hai apenas un ano só dous dos 12 hospitais de Gaza para a saúde sexual ou reprodutiva seguían funcionando, e que no conflito cuadruplicáronse os abortos espontáneos.
Outros ataques denunciados foron o que en decembro de 2023 se dirixiu contra a maior clínica de fertilidade de Gaza, destruíndo 4.000 embrións, e o perpetrado un mes antes contra un centro de mulleres vítimas de malos tratos.
Nese último caso, un tanque disparou contra a planta do edificio onde estas mulleres e algúns dos seus familiares se aloxaban, e os soldados deixaron pintadas con insultos contra elas nas paredes, relatou o documento.
Mulleres vítimas de francotiradores
A comisión tamén documentou casos nos que mulleres e nenas de todas as idades, mesmo embarazadas, foron obxectivo directo de ataques de francotiradores, algo que o informe tamén define como un crime contra a humanidade e de guerra.
Entre os casos denunciados cítase o dunha muller embarazada asasinada dun disparo por un soldado das Forzas de Seguridade de Israel cando se aproximaba ao hospital da Al-Awda, no norte da Franxa, en decembro de 2023, e cuxo cadáver non foi recuperado ata uns 20 días despois, en estado de descomposición.
Este tipo de ataques, indicou a comisión, producíronse nun clima enrarecido por declaracións de oficiais e parlamentarios israelís que convidaban a non facer distinción entre civís e militantes armados, "considerando todos cómplices que debían ser exterminados sen importar a idade ou o xénero".
O informe presentouse na mesma semana na que a comisión, tamén formada polos expertos Chris Sidoti (Australia) e Miloon Kothari (India), celebrou dous días de audiencias nos que escoitou testemuños de vítimas desta violencia sexual e de xénero, así como dos sanitarios que os atenderon.
A comisión lembra no documento que un terzo dos mortos no conflito de Gaza (uns 48.000 segundo as autoridades gazatís) foron mulleres e nenas.
Netanyahu responde
O primeiro ministro israelí, Benjamín Netanyahu, dixo este xoves nun comunicado que o último informe da ONU no que sinala Israel como responsable busca "atacar con acusacións falsas".
"En lugar de centrarse nos crimes de humanidade e de guerra cometidos pola organización terrorista Hamás na peor masacre contra o pobo xudeu desde o Holocausto, a ONU optou, unha vez máis, por atacar o estado de Israel con acusacións falsas, incluíndo acusacións infundadas de violencia sexual", recolle un comunicado difundido pola súa Oficina.