Activada a situación 2 nos incendios das Neves e Salceda de Caselas
En Salceda as lapas calcinaron xa 80 ha e ameazan o núcleo de Pedrapinta, mentres que nas Neves ameazan Abelleira e Portela, tras arrasar 50 hectáreas
Desactivada a situación 2 nos incendios de Camariñas e Corme, este último xa estabilizado
A proximidade das lapas ao núcleo de Pedrapinta elevou á situación 2 de emerxencia o incendio declarado no municipio pontevedrés de Salceda de Caselas, parroquia da Picoña.
O lume comezou ás 16:17 horas e segundo a última estimación afecta a unhas 80 hectáreas.
Tamén en situación 2, pola súa proximidade ás vivendas, atópase o incendio nas Neves, que se declarou á primeira hora da tarde e afecta unhas 50 hectáreas.
Aínda non se desaloxaron veciños, pero a Garda Civil está a informar a poboación para que permaneza confinada e extreme as precaucións. Hai moito vento e o lume está moi próximo a Abelleira, mentres aumenta a preocupación pola súa posible chegada a Portela.
Ante a evolución do lume, a Unidade Militar de Emerxencias (UME) desprazouse á zona para reforzar os traballos de extinción.
A intensa fumareda provocada polo incendio causou retencións na autovía das Rías Baixas (A-52), cunha circulación irregular no quilómetro 286, á altura de Lousadela, en ambos sentidos. Neste punto tiveron que cortar os carrís exteriores en ambos sentidos e só se circula polos máis próximos á mediana.
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, dixo que o obxectivo é "protexer ás persoas e aos núcleos de poboación que poidan estar en perigo".
Estabilizado Corme e desactivado o nivel 2 tanto en Corme como en Camariñas
Desactivada a Situación 2, que se declarara como medida preventiva, nos incendios dos concellos coruñeses de Camariñas, parroquia de Xaviña, e de Ponteceso, parroquia de Corme Aldea.
Ás 19:13 horas de hoxe quedou controlado outro incendio rexistrado tamén en Ponteceso, na parroquia de Brantuas, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 200 hectáreas.
Segue controlado desde as 20.09 do luns o lume forestal da parroquia da Graña, tamén en Ponteceso, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de preto de 100 hectáreas.

Activos dous incendios na Fonsagrada con 140 hectáreas
Mantense activo o incendio forestal do concello lucense da Fonsagrada, parroquia de Monteseiro, que se iniciou ás 15:30 horas de onte e que, segundo as últimas estimacións, afecta arredor de 120 hectáreas.
Está activo, desde as 13:07 horas, outro lume neste mesmo municipio da Fonsagrada, na parroquia de Cereixido, que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 20 hectáreas.
O incendio do municipio pontevedrés de Mondariz, parroquia de Riofrío, continúa controlado desde as 20:25 horas de onte.
Mantense controlado desde as 21:47 horas do luns o incendio do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Terroso, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 570 hectáreas.