Un incendio dana a planta baixa dunha vivenda de Mouriz, no Carballiño
Os bombeiros conseguiron extinguir o lume antes de que afectase a planta superior e outra vivenda pegada
Dúas casas, rehabilitadas recentemente, son acubillo de fin de semana dun matrimonio do Carballiño. Esta mañá a Garda Civil espertábaos coa noticia de que había un incendio nunha delas. Foi o veciño que vive ao lado o que viu fume ao marchar a traballar e chamou os servizos de emerxencia. Conta Felipe Aguete, dos bombeiros do Carballiño, que o 112 deu aviso ás sete da mañá e axiña se achegaron, e para entrar tiveron que forzar a porta porque non había ninguén dentro.
Na aldea de Mouriz, a veciñanza falaba esta mañá do acontecido. Por sorte, ao non producírense grandes lapas, de noite ninguén se decatou. Os bombeiros conseguiron extinguir o lume antes de que afectase a planta superior e outra vivenda pegada.
O propietario da casa, moi afectado, conta que a borralla da cocina de leña, que deixou nun caldeiro no garaxe, foi o que puido prender. Está facendo balance do que quedou danado polo lume entre maquinaria e apeiros de labranza, leña e un cuarto de baño que teñen tamén na planta baixa.