Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un incendio causa danos nunha casa en Santa Comba

Un incendio causa danos nunha casa en Santa Comba

O lume, que non causou feridos, produciuse nun garaxe en que había dous vehículos aparcados

G24.gal 03/01/2024 11:27 Última actualización 03/01/2024 14:35

Un incendio ocorrido este martes á noite causou danos estruturais nunha casa en Santa Comba sen feridos, segundo informa o 112.

Unha persoa particular contactou co 112 Galicia ás 21:30 horas para avisar dun lume na súa casa, situada en San Pedro de Xallas de Castriz. Logo desa chamada outra persoa alertou de que concretamente o que estaba ardendo era o garaxe.

Ardeu o garaxe, no que había dous vehículos aparcados, mentres que as estancias contiguas e superiores quedaron afectadas polo fume.

Ata o lugar desprazáronse os bombeiros de Carballo que tiveron que empregar varias horas para dar por controlado o incendio. O único residente da vivenda, un home de 83 anos, logrou poñerse a salvo, pero os danos materiais son cuantiosos.

Foi a visita diaria do gato da súa filla o que evitou que o incendio nesta casa rematase en traxedia. "O gatiño! Deixeille o portal aberto e baixei para pechalo. Se non chego a facelo e quedo durmindo...", así lembra José Otero a noite de onte cando foi sorprendido polo lume.

As lapas estaban a devorar o garaxe situado debaixo da vivenda, con dous coches dentro que quedaron totalmente calcinados. "Collín a mangueira para apagalo eu, pero debeu de ser un curtocircuíto, pois non había electricidade e polo tanto non tiña auga".

Ao ver que non podía sufocalo lume, avisou a filla, que estaba moi preto da casa, e intentaron chamar os bombeiros de Santa Comba, sen éxito, pois estaban pechados. Minutos de moitos nervios, pois dentro había dúas bombonas de gas que podían estoupar.

"Viñeron os bombeiros de Carballo, pero tardaron un pouco... e pasou o que pasou, se viñesen antes...", lamenta José. "Foi un deles quen quitou as dúas bombonas que había porque nós non puidemos entrar con tanto fume... é terrible", explica o dono da vivenda que tivo que saír co posto.

Por sorte non houbo que lamentar danos persoais, pero si cuantiosos danos materiais. Amais dos coches e garaxe que arderon, a vivenda quedou inhabitable por mor do fume e da borralla.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar