Un home tivo que ser liberado tras un accidente co coche en Boiro
O home quedou atrapado no vehículo despois de chocar cun poste e envorcar na estrada DP-1102, en Cespón
O sinistro orixinouse cunha saída de vía -por causas que se investigan- na estrada DP-1102 á altura de Nine, en Boiro. Xa fóra de control, o vehículo levou por diante o peche dunha parcela e esnafrouse contra un poste de cemento. Co impacto quitouno do sitio e desprazouno cousa dun metro.
Foi un veciño o que alertou a emerxencias, contra a unha da mañá. Di que non sentiu o golpe, senón os berros dunha muller pedindo auxilio. Ela xa estaba fóra do coche, pero o condutor quedara atrapado. "O coche envorcou e o home non podía saír, estaba atrapado polas pernas" explica Pablo Cortés, cabo do Parque de Bombeiros de Boiro.
Os bombeiros tiveron que retirar o lateral do vehículo para poder liberalo, operación que se prolongou case dúas horas. "Ao estar o coche envorcado complicouse un pouco, houbo que quitar todo o lateral e o volante. Sacouse sen maior problema, pero sempre leva un tempo poder facelo en condicións", di Cortés.
No operativo participaron tamén Protección Civil de Boiro, Garda Civil e urxencias sanitarias, que finalmente trasladaron as dúas persoas ao hospital do Barbanza. Á vista do aparatoso que foi o sinistro, parece que tiveron sorte: "El ía estable, consciente, con mazaduras e posiblemente algunha rotura -explica Cortés- e a outra persoa, a copiloto, en principio ía ilesa".
O condutor deu negativo na proba de alcolemia, segundo confirma a Garda Civil, que ten aberta unha investigación para tentar esclarecer as circunstancias do sinistro.