Un home de 73 anos falece nun accidente de tráfico en Riós
Circulaba en dirección contraria pola autovía ata que bateu con outro vehículo
Dous novos mortos en accidentes soben a 4 a cifra no que levamos de Nadal. Un dos últimos sinistros foi en Riós, causado por un coche que circulaba en sentido contrario.
O accidente aconteceu contra as oito e media da tarde do martes, na autovía das Rías Baixas, á altura do concello de Riós. Por causas que se descoñecen, o condutor, que ía só no seu vehículo, circulaba en dirección contraria ata que bateu frontalmente con outro coche.
O condutor do vehículo que ía en sentido contrario faleceu no sinistro. Era veciño de Pías (Zamora). Os cinco ocupantes do outro vehículo quedaron feridos leves, e tres deles xa están dados de alta. Tratábase dunha familia que volvía á súa casa de Tomiño.
Pouco despois das oito e media da tarde a Garda Civil recibira unha alerta indicando de que o condutor ía en sentido contrario pola A-52, no concello de Riós, á altura do alto de Fumaces.
Polo intervalo nas chamadas cren que o home percorreu pouco máis dun quilómetro en sentido contrario despois de incorporarse a autovía na saída de Vilardevós. Unha das hipóteses que se barallan é que o accidente viñera provocado polas condicións meteorolóxicas. Así o cre a Garda Civil e tamén os veciños da zona.
Con esta son 23 as vítimas mortais nas estradas na provincia de Ourense neste ano, o dobre que hai unha década.