Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un gandeiro de Valga, ferido na ingua pola cornada dun touro

Un gandeiro de Valga, ferido na ingua pola cornada dun touro

O touro corneouno cando ía gardar as vacas na súa explotación, en Socastro

O home, de 19 anos, tivo que ser trasladado ao hospital en Santiago

G24.gal 17/02/2025 14:28

As vacas de Martín andan ceibas na súa explotación de Sucastro, en Valga. Canda elas ten dous touros. Son aparentemente mansos, pero un deles corneouno e mandouno para o hospital.

O gandeiro, de 19 anos, estaba gardando as vacas á tardiña, cando o touro se revolveu contra el. Corneouno varias veces e, finalmente, feriuno na ingua. Estaba só e nun lugar illado pero, por sorte, había dous veciños cerca que o escoitaron berrar e chamaron a emerxencias. Os primeiros en chegar foron os efectivos de Protección Civil de Valga. 

"Cando chegamos el estaba deitado, tremendo de frío. Dixo que tiña moita dor na barriga e na ingua", di Juan José Maneiro, voluntario de Protección Civil. "Non sangraba moito, quedou todo dentro -aclara-, pero como o corno ten sucidade, podía haber unha infección". 

Así que lle deron os primeiros auxilios ata que chegaron os sanitarios, que finalmente trasladaron o ferido ao hospital en Santiago. O mozo ía consciente e, de feito, foi el mesmo quen lles contou onde puido estar o problema co touro, que nunca dera problemas. "Dixo que tiña en celo as vacas, e que o boi atacouno seguramente por iso", di Maneiro. 

Familiares do ferido contaban que recibira a alta axiña, porque evoluciona favorablemente. Foi o segundo accidente deste tipo en apenas unha semana, despois de que outro touro corneara nunha perna unha muller na Laracha.

Os expertos en riscos laborais lembran que son animais bravos así que, por mansos que parezan e por moito que nos coñezan, non hai que baixar a garda. O xefe do Instituto de seguridade e saúde laboral de Galicia (ISSGA) recomenda atender sempre á actitude do animal: "hai que ver como coloca a cabeza -explica Ángel López-: se a actitude é sumisa e de tranquilidade ou se baixa a cabeza e levanta as cornas", que é un signo "de que se está preparando para un ataque".

Nese caso, recomenda afastarse do animal e achegarse a el noutro momento, cando estea máis tranquilo. Ou, se non hai outra, tentar sosegalo falándolle con suavidade. En todo caso, a recomendación -di- é non pecar nunca de exceso de confianza no manexo destes animais, que poden causar accidentes con consecuencias graves. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade