Un éxito da Batalla de Flores recuperada para as Festas da Peregrina de Pontevedra
Volveron as carrozas, os doces e os confetis nun percorrido ampliado
Pontevedra vive a semana grande das súas festas da Peregrina que, este ano si, volven celebrarse con toda a súa programación ao completo, incluída, a tradicional batalla de flores polas rúas do centro da cidade.
Logo de dous anos con limitacións, a única restrición vixente arestora é a do espazo físico e aínda así, esta Batalla de Flores de 2022 conta cun percorrido ampliado a máis rúas das que viñan sendo as habituais.
Os dous anos previos de pandemia non lograron mudar a ilusión e o abraio do público infantil perante o desfile das súas personaxes favoritas.
A Batalla de Flores é un dos espectáculos familiares con máis poder de convocatoria das festas da Peregrina e o tempo acompañou para gozala plenamente na rúa.
Pero tras dous anos sen celebrala, algúns andaban un pouco desconcertados porque a lembranza non estaba clara.
É unha batalla incruenta de confeti na que desfilan motivos moi queridos para a cativada como personaxes de debuxos animados e de películas, entre a música das charangas e das bandas de gaitas.
Ao remate da Batalla de Flores hai programada unha festa infantil na praza de España baseada no musical "O Rei León".
O vindeiro domingo, unha tirada de fogos de artificio desde a ponte de Santiago despedirá as Festas da Peregrina tras dez días de festexos. Esa xornada final estará animada con pasarrúas mañá e tarde e terá como broche á noite o concerto do grupo Camela.