Nenos con febre: un de cada tres pais medica máis do necesario
Nenos con febre: un de cada tres pais medica máis do necesario
"Ás veces a febre é necesaria para combater as infeccións", explican desde unha farmacia
Un estudo da Universidade de Michigan cuestiona a resposta das familias cando os nenos teñen febre. Asegura que un de cada tres pais os medica innecesariamente.
María José Rocamonde confirma que na farmacia en que traballa "si que se adiantan un pouquiño cando o neno empeza coas primeiras décimas xa veñen correndo, dáme algo".
O estudo di que a metade dos enquisados medican os fillos con 38 de febre, e un de cada catro repite a dose para evitar que a temperatura volva subir. A febre é un síntoma que lles preocupa, pero os especialistas advirten. "Ás veces a febre é necesaria para combater as infeccións. Unha febre controlada", mantén Natalia Martínez, farmacéutica.
"Se o neno está ben, cunha febre moderada de 38 ou 38 e medio en principio non sería necesario medicar. Se o neno está ao mellor con décimas pero ten malestar, si", engade Elena Gallego, tamén farmacéutica.
Natalia incide en que "é importante ter un bo termómetro. Medir sempre no mesmo sitio e ir apuntando para contarlle ao pediatra". E darlle así a máxima e máis exacta información posible.