Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un dron sobrevoa Vilar de Barrio para vixiar que se cumpran as restricións da auga

Un dron sobrevoa Vilar de Barrio para vixiar que se cumpran as restricións da auga

Polo momento non se sancionará

Compróbase a enchedura de piscinas ou se se regan hortas e xardíns

Este dron tamén servirá para atallar outro problema: o dos incendios
G24.gal 11/08/2022 16:50

Estamos no ano máis seco dende que hai rexistros e isto obrigou a moitos concellos a adoptar medidas para garantir a subministración de auga. É o caso de Vilar de Barrio, na Limia, onde o Goberno municipal decidiu ademais contratar o servizo dun dron para controlar que se cumpran as restricións.

Este dron sobrevoa aquelas parroquias de Vilar de Barrio onde hai máis problemas de auga co obxectivo de comprobar se se fai un uso indebido deste recurso e que este ano escasea máis que nunca.

Compróbase a enchedura de piscinas ou se se regan hortas e xardíns, entre outras cousas. Por agora trátase dunha medida disuasoria, pero preténdese usar este traballo para elaborar unha ordenanza municipal que permita sancionar estas actitudes irresponsables.

"Hai só un dous por cento da poboación que fai un uso indebido da auga, pero queremos saber quen enche a piscina ou rega as hortas ou os xardíns indebidamente. Se teñen pozo privado é moi libre de facer o que a Confederación Hidrográfica lle permita", di Manuel Conde, alcalde de Vilar de Barrio.

Pero non coa auga da que se abastecen todos os veciños. A pesar de que a maior parte deste concello da Limia está na serra de San Mamede, onde nacen varios ríos, a seca histórica deste ano xa obrigou a levar a cabo cortes de auga en varias localidades. 

É preciso, din, restrinxir o uso da traída ao estritamente necesario. Por agora non sancionarán. O obxectivo é concienciar de que a auga é un ben escaso e de todos.

Ademais este dron tamén axudará a atallar outro problema, o dos incendios, comprobando que as faixas de protección están rozadas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade