Dous detidos en Lugo por unha suposta agresión sexual a unha menor durante a Noitevella
A vítima, de 16 anos, denunciou que cando saía dun local de lecer na madrugada de fin de ano foi abordada e rodeada por un grupo de homes e que dous deles lle fixeron tocamentos
Arquivo TVG
Dous homes de 24 anos foron detidos en Lugo por participar nunha suposta agresión sexual cometida contra unha menor de 16 anos durante a Noitevella.
Segundo informou a Policía Local de Lugo, a vítima denunciou que cando saía dun local de lecer nocturno arredor das 3:00 horas da madrugada de fin de ano foi abordada e rodeada por un grupo de homes.
Dous dos membros do grupo comezaron a realizarlle tocamentos á menor, que quedou paralizada ata que puido chamar o seu noivo, quen, momentos máis tarde, relatou o sucedido a unha patrulla da Policía Local que se atopaba na Rolda da Muralla.
Os dous homes pasarán a disposición xudicial durante a mañá deste venres.