Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un ciberataque provoca atrasos e cancelacións en varios aeroportos europeos

Un ciberataque provoca atrasos e cancelacións en varios aeroportos europeos

Afectou ás terminais de Bruxelas, Heathrow (Londres) e Berlín-Brandeburgo

Evacuada a terminal 2 do aeroporto de Dublín por unha equipaxe "preocupante" 

G24.gal 20/09/2025 14:24 Última actualización 20/09/2025 21:18

As longas ringleiras, as cancelacións de voos e a confusión entre pasaxeiros foron a tónica deste sábado nos aeroportos de Bruxelas (Bélxica), Heathrow (Londres) e Berlín-Brandeburgo (Alemaña) por mor dun ciberataque contra a compañía Collins Aerospace.

A empresa, que presta servizos de facturación e embarque na maioría das terminais europeas, sufriu "problemas técnicos" importantes que afectaron ao tráfico aéreo.

En Heathrow, houbo atrasos e cancelacións de ducias de voos. Fontes do aeroporto confirmaron a anulación do 1 % do total pero a terminal 5, a de maior afluencia e operada principalmente por British Airways, apenas sufriu contratempos.

No aeroporto de Bruxelas, canceláronse polo menos nove voos, desviáronse catro e outros quince sufriron atrasos. Nos mostradores formáronse longas ringleiras porque moitas operacións tiveron que se facer a man.

A terminal prevé que as alteracións continúen o domingo, polo que lle pediu ás compañías cancelar a metade dos voos previstos para evitar longos tempos de agarda e cancelacións de última hora.

Petición dun rescate

Ao longo do día, medios como a británica BBC publicaron que RTX, propietaria de Collins Aerospace, dixo estar ao tanto dunha "interrupción" nos seus sistemas cibernéticos e afirmou estar a traballar para resolver o problema o máis rápido posible.

"O impacto limítase á facturación electrónica de clientes e a entrega de equipaxe e pode mitigarse coa facturación manual", engadiu a compañía, segundo a BBC.

Tamén explicou que se viu afectado un software que permite a diferentes aerolíñas usar os mesmos mostradores para facer o rexistro e as mesmas portas de embarque nos aeroportos.

Pola súa banda, o medio belga VRT News informou que a empresa estadounidense foi atacada por un programa daniño que bloqueou os datos dos servidores da compañía, polos que os atacantes esixen agora un rescate.

Equipaxe "preocupante" en Dublín

Tamén este sábado houbo que evacuar a terminal 2 do aeroporto de Dublín tras recibir unha "alerta de seguridade" por unha equipaxe "preocupante". Varias horas despois, abriu as súas portas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade