Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un Celta Fortuna en inferioridade numérica perde no Molinón (3-2)

Un Celta Fortuna en inferioridade numérica perde no Molinón (3-2)

O filial adiantouse por medio de Óscar Marcos no treito inicial

Despois do empate, unha xogada revisada polo Var foi decisiva, coa expulsión de Meixús e a falta que significou o 2-1

O Fortuna non baixou os brazos, e meteuse no partido no treito final, pero sen chegar a empatar

G24.gal 04/10/2026 18:24

O Celta Fortuna caeu no Molinón, nun partido en que foi por diante, pero se complicou por unha decisión do VAR antes do descanso.

Nas últimas xornadas, o filial vigués está a traballar nos inicios dos partidos, cando as faltas de concentración custaron puntos en varias xornadas. E, logo de adiantarse axiña contra o Sabadell, desta volta tamén golpearon primeiro os de Fredi. Foi nun saque longo de Coke, que intentaba superar a posición de Rosas. Chegou o central, pero cabeceou de xeito defectuoso habilitando a Óscar Marcos. O dianteiro arousán quedou nun man a man con Yáñez, e superouno cunha precisa vaselina para abrir o marcador.

Adiantábase o Fortuna, e o Sporting non inquedaba, máis aló dalgún centro á área sen problemas para Coke. No minuto 28 detívose o xogo para atender unha emerxencia na bancada do Molinón. E, xusto á volta, chegaba a desconexión habitual en defensa que provocaba o empate. Un erro na entrega de Anxo Rodríguez, que buscaba a Coke pero topou con Quique Robes, aproveitouna Antonio Casas para marcar.

Sen tempo para dixerir a igualada, Óscar Marcos estivo a piques de volver adiantar ao filial, pero o seu remate desde a dereita rexeitouno Rubén Yáñez. E o Sporting avisaba pouco despois, nun envío desde a dereita que cabeceaba Casas, tendo que enviar a córner Coke. E outro remate cruzado de Casas saía moi cruzado. Aínda quedaba tempo para unha gran combinación entre Óscar Marcos e Álvaro Marín, con regate de Marcos a Yañez e remate salvado sobre a mesma liña de gol. E para un agarrón de Meixús sobre Casas, inicialmente non sancionado, pero que tras consulta co Var significaba cartón vermello directo para o capitán celeste e falta perigosa, que transformou Casas cun potente lanzamento. 2-1 e o Fortuna cun xogador menos ao descanso.

Na segunda metade o Fortuna volvía recibir outro golpe ao cuarto de hora. Guille Rosas anotaba o 3-1 cun remate axustado ao primeiro toque despois dunha boa combinación do equipo local. Malia á inferioridade, o Fortuna non baixou os brazos, e buscou o tanto que o volvera meter no partido. Un remate cruzado de Ángel Arcos obrigaba a Yañez a sacar a perna. E Álvaro Marín tirou un gran desmarque que o deixou so diante do porteiro, pero cruzou moito o remate. Á terceira si chegou o gol, obra de Kibet cun bo control e remate desde a frontal.

Era o minuto 77, e o filial estaba moi vivo no partido. Pero, malia aos trocos, e unha última ocasión de Óscar Marcos, que estivo a piques de sorprender á saída dunha falta, non houbo máis goles, e o filial caeu nun partido condicionado por esa expulsión do treito final da primeira metade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade