Un Cacharrón inmenso e un Charles de récord aseguran o triunfo do Pontevedra
O porteiro estreaba titularidade e foi determinante
Charles abriu a conta e igualou con Pablo Couto como máximo goleador granate
Levaba máis dun ano sen ser titular no Pontevedra Martín Diz. Tivo a oportunidade e non a desaproveitou para guiar o seu equipo a un triunfo necesario e reparador. Asistiu a Charles no 1-0 aos cinco minutos, un gol histórico xa que lle permite igualar con Pablo Couto á fronte da táboa histórica de goleadores granates.
Non só asistiu senón que tamén definiu. Recolleu un pase de Abelenda para superar o gardameta do San Fernando e darlle tranquilidade a Pasarón.
Curiosamente, as xogadas dos dous goles partiron dun saque de meta de Pablo Cacharrón, e é que o gardameta foi o outro protagonista da tarde. Apareceu en varias ocasións para desesperación dos dianteiros andaluces. Dúas paradas, unha en cada tempo, foron espectaculares, un prodixio de reflexos e axilidade.
O San Fernando debruzouse aínda máis contra o final, sobre todo desde que foi expulsado Brais Abelenda. Á saída dun córner, o brasileiro Marcelo ergueuse para rematar. Esta vez, nin Cacharrón puido evitar o gol. Quedaban algo menos de dez minutos para o final.
Dise que gaña o que é mellor nas áreas. Martín Díz e Pablo Cacharrón demostrárono unha vez máis para darlle ao Pontevedra a segunda vitoria en liga, un respiro logo de seis xornadas sen éxito.