Un buque chinés refúxiase na ría de Ares tras caeren ao mar os guindastres que transportaba
O barco, de 169 metros de eslora, solicitoulle socorro a Salvamento Marítimo o venres á noite
Puido chegar polos seus propios medios á ría de Ares, onde permanece desde o sábado
Sufriu danos na cuberta e no casco
É o barco chinés Shang De Wu, de 169 metros de eslora, fondeado na ría de Ares. Sobre a cuberta poden verse os restos dos dous grandes guindastres que transportaba.
O venres á noite, con alerta laranxa no mar, o buque solicitoulle socorro a Salvamento Marítimo tras sufrir un corremento da carga. Atopábase a 58 millas ao noroeste do cabo Ortegal.
O remolcador Alonso de Chaves escoltou o barco de maneira preventiva. Salvamento tamén mobilizou unha lancha e un helicóptero, aínda que o buque conseguiu refuxiarse polos seus propios medios na ría de Ares, onde permanece desde o sábado.
Os guindastres que transportaba medían 92 metros de alto por 100 de ancho. A súa caída ao mar provocou danos na cuberta e no casco, que se están a avaliar. O buque saíra hai unha semana do porto alemán de Bremen e dirixíase a Tailandia.