Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un boi de 1.300 quilos lidera en Lugo a protesta do sector gandeiro contra o acordo con Mercosur

Un boi de 1.300 quilos lidera en Lugo a protesta do sector gandeiro contra o acordo con Mercosur

Máis de trescentos gandeiros marchan polo centro da cidade para rexeitar o tratado comercial

Centos de agricultores tratan de convencer a Eurocámara de que leve o Mercosur ao Tribunal de Xustiza da UE

G24.gal 20/01/2026 17:14 Última actualización 20/01/2026 17:33

Un boi de 1.300 quilos encabezou este martes en Lugo a marcha de máis de trescentos gandeiros contra o acordo comercial entre a Unión Europea e os países do Mercosur.

A protesta percorreu o centro da cidade ao mediodía e volveu poñer no foco o rexeitamento do sector primario galego ao tratado, ao que atribúen graves consecuencias para a produción de vacún de carne.

Os participantes comezaron a concentrarse pola mañá diante da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, na Ronda da Muralla.

Desde ese punto, convertido no epicentro das mobilizacións do sector na provincia, a manifestación saíu a pé cara á Subdelegación do Goberno, na zona histórica.

Antes fixo unha parada na Praza de San Marcos, diante da Deputación Provincial.

Fronte á sede da institución provincial, os gandeiros corearon consignas como Queremos respostas ou Por que nos vendedes.

As críticas ían dirixidas aos eurodeputados galegos do PP e do PSOE, aos que reclaman que voten en contra do acordo no Parlamento Europeo en defensa do medio rural galego.

Durante o percorrido, o son das chocas do gando marcou a marcha.

Xa diante da Subdelegación do Goberno, na Praza da Armanyá, as organizacións convocadores, Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema, lembraron que o tratado aínda debe ser ratificado polo Parlamento Europeo.

Sinalaron que esta votación representa a última oportunidade para frear un acordo que consideran prexudicial para o sector.

Críticas ao impacto no modelo produtivo

Diego Cascudo, gandeiro do Corgo e propietario do boi que abriu a marcha, explicou que quixo amosar á cidadanía urbana o resultado do seu traballo.

Advertiu de que o acordo favorecerá a entrada de carne de menor calidade a prezos máis baixos, con efectos negativos para produtores e consumidores.

Pola súa banda, Román Sánchez, xerente da cooperativa A Carqueixa, subliñou que os seus socios son pequenas explotacións, cunha media de vinte e cinco vacas por gandeiro.

Asegurou que este modelo non ten relación coas macrogranxas que contribúen á deforestación do Amazonas.

Sánchez defendeu que o acordo sacrifica os produtores de vacún de carne para beneficiar outros sectores industriais europeos, como o automobilístico.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade