Galicia reclama ao Ministerio de Agricultura "medidas de control" ante o acordo con Mercosur
As conselleiras do Mar e do Medio Rural participan en reunións telemáticas co ministerio e comunidades
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reclamou ao ministro de Agricultura, Luis Planas, "medidas de control" ante o acordo asinado entre a Unión Europea e Mercosur.
Así se expresou en declaracións previas, xunto á conselleira do Mar, Marta Villaverde, á Conferencia Sectorial de Pesca e de Agricultura e o Consello Consultivo de Política Agrícola e Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios, celebrados de maneira telemática.
Respecto diso, a conselleira do Medio Rural lembra que os gandeiros se están manifestando en Galicia e outras comunidades "porque é un acordo que preocupa moitísimo e que causa incerteza no sector".
Require saber "que medidas de control van establecer a maiores das xa existente nas fronteiras de España para controlar canta produción deses países do Mercosur entra en España e en que condicións".
"Algo que preocupa moitísimo os gandeiros e os agricultores é que ningún produto que entre en España teña unhas condicións inferiores ás que teñan os producidos aquí", de modo que "cumpran as mesmas esixencias que teñen que cumprir" en España.
Remarca como "importantísimo" que se cumpra coa salvagarda " dese 5%", de forma que o acordo se suspenda se as importacións da América Latina soben dese nivel ou hai unha caída dese grao nos prezos europeos. "Iso é unha liña vermella que non se debe pasar", deixa claro.
Tamén demanda que os 45.000 millóns adicionais que se compromete polo acordo con Mercosur "vaian enfocados directamente ao sector primario".
Paralelamente, a conselleira require un financiamento adecuado para o sector primario no novo período plurianual 2028-2034. Tamén se referiu ás novas enfermidades como a dermatose nodular contaxiosa, pola que están "moi preocupados" os produtores, para o que pide unhas indemnizacións "iguais" en todo o país, que se saque a enfermidade da categoría A e que se impulse unha vacina.
Pesca
Pola súa banda, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, incidiu en que están "contentos" de que se chegase a un acordo entre o Ministerio de Pesca e confrarías para flexibilizar o novo regulamento de control pesqueiro e de que o Goberno "rectificase" a súa postura inicial.
No tocante ao novo marco financeiro plurianual, lamenta a falta de información desde outubro para a creación dun grupo de traballo.
Respecto aos Totais Admisibles de Captura (TAC) e cotas para este ano, a conselleira do Mar insiste en que "non foron todo os bos que se necesitan". O Consello Galego de Pesca aprobou, por unanimidade, o ditame coas propostas coas que se buscará "paliar" o resultado.
Tamén indicou Villaverde que "outro dos temas que preocupan" é a decisión de Marrocos de prohibir a exportación de sardiñas conxeladas a partir do 1 de febreiro. Pide ao ministro Planas que "esixa o cumprimento do acordo que se ten de comercio con Marrocos".
