Un artesán galego talla un mostrador de 10 toneladas para un hotel de luxo de Alemaña
"É durísima e ten unhas características que hai que entendela moi ben e daquela tes que escoitala. Ela mesma vai dicíndoche por onde hai que andar", di da pedra
O artesán de pedra Ricardo Antelo dálle os últimos toques á súa peza. Un mostrador de 13 metros de longo e unhas 10 toneladas de peso no que traballou durante 3 meses e que decorará un hotel de luxo alemán. "Esta pedra é africana. Vén de Angola", explica.
É unha pedra que se traballa "normalmente en prancha porque en volume, como é esta, é durísima e ten unhas características que hai que entendela moi ben e daquela tes que escoitala. Ela mesma vai dicíndoche por onde hai que andar".
Noutra ocasión a mesma empresa xa lle encargara unha obra en mármore para un SPA en Suiza. Asegura que as pezas de deseño son un bo nicho de mercado para os artesáns ao tempo que lamenta a perda do oficio.
"Onde sae pedra hai canteiros e a poucos quilómetros no concello de Malpica pasou de haber cinco canteiros en cada casa a non haber ningún", apunta.
Ricardo leva desde os 22 anos traballando a pedra, pero antes xa o fixera coa madeira como carpineiro de ribeira, que foi o seu primeiro oficio. Un material, a madeira, que agora fusiona nalgunhas das súas pezas. "É un traballo que me encanta. Este que vemos aquí chámanlle 'raio Xúpiter' e normalmente ensámblase madeira con madeira. Neste caso eu fixen pedra con madeira".
Para este artesán, a aprendizaxe e a investigación son unha constante na creación construtiva.