Tres membros dunha familia de Taboadela, falecidos pola combustión dun xerador, a peor consecuencia da grande apagada
Tres membros dunha familia de Taboadela, falecidos pola combustión dun xerador, a peor consecuencia da grande apagada
Os cidadáns lembran como viviron aquelas horas de incerteza e desconexión
Hai un ano, o apagamento sorprendía a todos. Tamén un equipo da TVG que gravaba unha reportaxe na praza de abastos de Ourense. Marchou a luz e os móbiles deixaron de funcionar. O desconcerto apoderouse de clientes e comerciantes, alleos aínda ao alcance do que acababa de pasar. Regresamos un ano despois, a ver como recordan aqueles momentos.
"Un caos, un caos de mercadoría, moitas perdas", di Rubén, que ten unha queixería.
Semáforos apagados, interrupcións no transporte público, xente atrapada nos ascensores e caixeiros inútiles foron os primeiros indicios da dependencia eléctrica dunha sociedade repentinamente sumida no caos.
"Unha sensación malísima. A min pilloume nun banco, sen luz ningunha", di unha veciña.
A escuridade foise estendendo a medida que avanzaban as horas. Primeiro nos espazos interiores ata que a noite cegou tamén as rúas das cidades.
"Sen luz na casa nin nada. Tiven que ir a un supermercado buscar candeas, baterías e lanternas", di outro veciño.
Nas aldeas, máis habituadas á autosuficiencia e aos cortes na subministración, vivírono doutra maneira.
"Nós tiñamos un xerador. Non tivemos problema", sinala unha veciña do Pereiro de Aguiar.
En canto volveu a luz, voaron as radios de baterías, cociñas de gas e xeradores eléctricos.
"A partir do cuarto mes, a cousa xa foi diminuíndo, e a día de hoxe vén algún que outro pensando no apagamento pero xa se nota unha decadencia total", sinala José Manuel Álvarez, da tenda Star de electrodomésticos en Ourense.
Touro e Arzúa foron os últimos concellos galegos en recuperar a subministración, pero o de Taboadela foi o gran damnificado. Tres membros da mesma familia, de 81, 77 e 56 anos faleceron a noite do apagamento por mor dun xerador eléctrico que lle solicitaran ao Concello polas dificultades respiratorias do pai, que precisaba unha máquina de osíxeno. Instalaron o xerador na adega, coa porta aberta cara á vivenda, e os tres, pai, nai e fillo, faleceron por inhalación de monóxido de carbono.